ALCALDÍA

O alcalde tomou nota das inquedanzas dos máis pequenos nun pleno infantil

20/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, deu a benvida ao Concello aos escolares que participaron nun pleno infantil para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos do Neno (20 de novembro), actividade organizada pola Concellería de Servizos Sociais en colaboración con Unicef. Nesta ocasión participaron 25 nenos e nenas do CEIP López Ferreiro e do Colexio M. Peleteiro.

Os rapaces e rapazas recibiron no salón de plenos o saúdo do alcalde e dos voceiros dos grupos municipais socialista, Francisco Reyes, e nacionalista, Rubén Cela, que lles explicaron o funcionamento do Concello e defenderon o labor público que dentro del se realiza.

Na súa intervención, Agustín Hernández lembroulle aos escolares que nesta xornada se conmemoraban "os 25 anos dun documento moi importante para todo o mundo, como é a Convención sobre os Dereitos do Neno, que recolle e resume todo aquilo que nunca lle debera faltar a ningún rapaz e polo que temos o deber e a obriga de mirar os maiores, e de forma moi especial, os que temos responsabilidades na vosa educación, na vosa formación e no voso crecemento, como persoas e como cidadáns".

Este labor, dixo, "comprométenos a todos os niveis e en todos os ámbitos, comezando pola familia, seguindo polo colexio e continuando polo Concello, que é o órgano de administración máis próximo e que, por iso, ten a responsabilidade de atender as principais necesidades do conxunto dos cidadáns, e dos nenos en particular".

O alcalde explicoulles aos rapaces as funcións de goberno e de xestión dos servizos públicos dun concello, así como o labor dunha corporación municipal en representación dos veciños. Recordoulles tamén que o Concello é "onde se administra o diñeiro de todos" e que, dado que os recursos son públicos e limitados, "cómpre mirar moi ben como e onde se usan, para que rendan máis, poidan beneficiar a máis xente e solucionen as cousas máis importantes".

Así, animounos a desempeñar ese papel de políticos por unhas horas neste pleno infantil e mesmo expresou a súa confianza en que algún dos rapaces e rapazas presentes hoxe en Raxoi poida estar neste mesmo lugar no futuro, pero como concelleiro.

Defensa dos dereitos do neno
Tras a intervención do alcalde, tomou a presidencia do pleno a concelleira de Servizos Sociais, María Corral, quen deu paso aos 25 escolares do CEIP López Ferreiro e do Colexio M. Peleteiro. Un por un, fixeron a súa particular reivindicación dos dereitos recollidos na Convención dos Dereitos do Neno asinada en 1959.

Xornada lúdica en San Lázaro
Coa mesma idea de facer visible este Día Internacional dos Dereitos do Neno, haberá unha xornada de actividades este venres 21 no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en San Lázaro. Un dos eventos previstos é unha representación de maxia a cargo do Mago Xacobe.

Xa dende as 16:00 horas e ata as 20:00 horas, desenvolveranse obradoiros para nenos e nenas de maxia, globoflexia, reciclaxe, elaboración de pulseiras e chapas, maquillaxe, artesanía, manualidades e contacontos, entre outros. Nese mesmo horario estarán instalados os inchables e os rapaces poderán participar no xogo da busca do tesouro.

Durante a tarde, diversas entidades e asociacións de iniciativa social relacionadas cos dereitos dos nenos/as terán instaladas no Palacio mesas informativas.

Compartir: