DEPORTES

O alcalde reafirma o apoio ao Circuíto CorreSan no marco da promoción municipal da actividade deportiva entre a poboación

19/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presidiu na Cidade da Cultura á Gala na que se entregaron os premios do III Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan. Recibiron galardóns 74 corredores e corredoras e 11 clubs, centros escolares e equipos populares. Os gañadores absolutos foron, na categoría masculina, Pedro Nimo, e, na feminina, Purificación Bermúdez.

Agustín Hernández cualificou a cita como "un dos grandes días do deporte de Santiago", no que se "pon o punto final aos cinco días de festa do deporte cidadán ao longo do ano que son as carreiras populares do Circuíto CorreSan deste ano 2014". Do éxito desta edición, dixo, dan conta os 555 deportistas que correron, cando menos, nalgunha das 5 probas celebradas entre maio e outubro. Así, valorou a "gran aceptación" cidadá desta actividade, da que declarou o seu entusiasmo como participante habitual.

Lembrou o alcalde a evolución do Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan nestas tres edicións, afianzando a súa posición entre as actividades deportivas máis populares de Santiago e dos seus arredores. A Ruta da Prata en Angrois e a cronoescalada do Pedroso foron as novidades deste ano, sumándose aos percorridos polo Campus Sur, a Cidade Vella (proba nocturna) e a Cidade da Cultura, configurando "un circuíto moi interesante que gañou en variedade, tanto a nivel paisaxístico como de esixencia física", apuntou.

Agustín Hernández manifestou a intención do Concello de seguir apoiando este circuíto de carreiras en colaboración coa Federación Galega de Atletismo. "É unha colaboración coherente coa nosa vontade de atender todo o espectro da práctica deportiva no Concello, cunha especial atención ao deporte de base e á promoción dunha constante actividade deportiva para o conxunto da poboación", afirmou, reiterando a necesidade de "manter e potenciar unha actividade saudable e enriquecedora no plano individual e colectivo".

O alcalde tamén aproveitou a galar para indicar que "Santiago é hoxe un exemplo, en cantidade e calidade, de clubs, de asociacións e de deportistas que están a destacar nas máis variadas especialidades". A todos eles ofreceu o apoio e ánimo na medida das posibilidades municipais.

Rematou a súa intervención dándolle os parabéns a cada unha das 74 persoas premiadas nas distintas categorías e aos 11 clubs federados, equipos populares e centros escolares que tamén foron distinguidos pola súa clasificación e participación. Tamén houbo un recoñecemento aos integrantes da Agrupación de Santiago de Protección Civil, polo seu traballo para a boa marcha de todas estas probas. Ademais, lembrou finalmente que que aínda queda unha carreira moi especial, a San Silvestre do 31 de decembro.

Direcciones relacionadas



Compartir: