ALCALDÍA

O alcalde destaca as posibilidades de proxección e o prestixio internacional do Premio Compostela de Álbums Ilustrados

04/11/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, presidiu no Museo das Peregrinacións e de Santiago o acto de entrega do VII Premio Compostela de Álbums Ilustrados ao ilustrador Federico Delicado, pola obra Ícaro.

O alcalde valorou o prestixio internacional que ten acadado este Premio. Das posibilidades de proxección deste galardón, dixo, "dá unha idea o feito de que, dende a súa primeira edición, lévanse presentado preto de 2.400 traballos de máis dunha vintena de países, na súa maior parte do contorno europeo, pero tamén de América Latina e dos Estados Unidos; e mesmo de lugares tan distantes como Irán ou o Líbano". A esta edición de 2014 presentáronse 255 traballos, de autores pertencentes a 22 países. Xunto coa alta participación, salientou a gran calidade dos álbums que levou ao xurado a recomendar a edición de máis dunha obra polos seus especiais valores.

Destacou tamén a colaboración existente para o certame entre o Concello e a editorial galega Kalandraka, plasmada tamén na campaña de animación á lectura na que, dende hai máis de 15 anos, participan máis de 4.000 escolares de Santiago e a súa comarca en cada edición. "A colaboración entre o Concello de Santiago e esta empresa editorial non só é unha alianza beneficiosa para animar a creación no ámbito da ilustración e un estímulo para os artistas, senón que se trata tamén dunha plataforma moi eficaz para divulgar a vocación cultural da cidade de Compostela", apuntou Agustín Hernández.

"A participación en feiras internacionais da editorial Kalandraka serven tamén para que as obras premiadas, que levan o nome de Compostela, viaxen arredor do mundo nos principais certames de Europa e de América, chegando a estar presentes nas capitais de China e Xapón", engadiu.

Da obra premiada, o alcalde salientou a súa "extraordinaria calidade", polo que lle desexou que "teña a resonancia e a popularidade que, sen dúbida, merece pola súa calidade, o que tamén axudará a que Santiago acade unha maior relevancia como centro de difusión da arte contemporánea e das tendencias creativas dun novo século.

Perfecta simbiose entre texto e ilustración
O xurado desta sétima edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados acordara conceder o galardón á obra Ícaro, de Federico Delicado, de Ciudad Real (España). Destacou da obra gañadora a perfecta simbiose entre texto e ilustración, que se complementan mutuamente e ofrecen múltiples lecturas. Consideran que o álbum é unha homenaxe a dous grandes creadores, Fran Kafka e Eduard Hopper. "Trátase dun texto moi contemporáneo que consegue aguilloar nas conciencias, sendo provocador e esperanzador á vez. Non deixa indiferente a ninguén, facéndonos dubidar de onde comeza a realidade e onde remata a fantasía", indicaron no seu fallo.

Para o xurado, a calidade plástica da ilustración reflíctese nas atmosferas creadas, que engaden profundidade e densidade á lectura. As pistas que se apuntan en cada imaxe abren a posibilidade a novas interpretacións. Un álbum, en definitiva, para pensar e sentir.

O autor, Federico Delicado (Badaxoz, 1956), é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. En 1970 iniciou a súa traxectoria profesional elaborando materiais audiovisuais e traballos para prensa. Participou en exposicións de pintura e escultura. Nos últimos años publicou numerosos libros para público infantil e xuvenil.

Ademais do alcalde, o acto contou coa presenza da concelleira de Educación, María Corral, e do director da editorial Kalandraka, Xosé Ballesteros. Durante a cerimonia houbo unha interpretación musical a cargo dos arpistas Rodrigo Romaní e Bleuenn Le Friec.

Encontro co alumnos de bacharelato artístico
Pola mañá, o gañador mantivo unha sesión de traballo cos alumnos/as do bacharelato artístico do IES de Sar. 98 alumnos e alumnas desa especialidade e profesorado deste centro tiveron a oportunidade de coñecer ao artista premiado e as técnicas que utiliza nos seus traballos.

Compartir: