EDUCACIÓN

O vindeiro martes celebrarase o acto de entrega do VII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados

31/10/2014 O acto de entrega do VII Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados 2014 celebrarase este martes 4 de novembro, ás 19:00 horas, no Museo das Peregrinacións e de Santiago, na praza das Praterías Santiago. O evento estará presidido polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e contará tamén coa presenza da concelleira de Educación, María Corral, e do director da editorial Kalandraka, Xosé Ballesteros.

O Xurado desta sétima edición do Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados acordara conceder o galardón á obra Ícaro, de Federico Delicado, de Ciudad Real (España). O autor (Badaxoz, 1956) é licenciado en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid.

En 1970 iniciou a súa traxectoria profesional elaborando materiais audiovisuais e traballos para prensa. Participou en exposicións de pintura e escultura. Nos últimos años publicou numerosos libros para público infantil e xuvenil.

Durante o acto haberá unha interpretación musical a cargo dos arpistas Rodrigo Romaní e Bleuenn Le Friec.

Sesión de traballo
O mesmo martes 4 de novembro, aproveitando a presenza en Santiago do ilustrador Federico Delicado, terá lugar unha sesión de traballo cos alumnos/as do bacharelato artístico do IES de Sar. Entre as 10:50 e as 12:30 horas, 98 alumnos/as desa especialidade e profesorado dese centro terán a oportunidade de coñecer o artista premiado e as técnicas que utiliza nos seus traballos.

Compartir: