NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O Premio Manuel Beiras recoñece un ano máis o esforzo normalizador de empresas compostelás no uso do galego

30/10/2014 A concelleira de Normalización Lingüística, María Corral, e o tesoureiro da Cámara de Comercio, Juan José Maril, presentaron a XV edición do Premio Manuel Beiras. O certame, organizado nesta ocasión polo Concello de Santiago, recoñece o esforzo que realizan as empresas e institucións do municipio no proceso de normalización do uso da lingua galega.

Calquera empresa ou comercio que estea radicado no municipio de Santiago pode optar ao premio. Poden propoñelo os seus representantes ou propietarios ou tamén pode suxerilo calquera persoa ou entidade que o considere merecente deste galardón. Para formular as propostas de candidatura chega con comunicalo ao Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago (dlg@santiagodecompostela.gal / 981 542 409) antes do 30 de novembro.

As bases do premio diferencian dúas categorías: empresas que veñen utilizando o galego de maneira continuada e empresas que galeguizaron recentemente a súa comunicación (porque son de nova creación ou porque mudaron os seus usos hai pouco tempo). O xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a unha persoa ou entidade que contribuíra significativamente á normalización lingüística no ámbito empresarial.

Entrega de premios
A distinción consiste nunha escultura creada polo artista Acisclo Manzano que se lles entregará ás empresas galardoadas nun acto aberto que se celebrará en decembro no Concello. As empresas e comercios premiados poderán amosar nos seus establecementos a posesión deste galardón como unha garantía máis de que respectan o idioma da comunidade.

Durante os primeiros días de decembro celebraranse as reunións do xurado, composto por representantes das empresas distinguidas en 2013, un representante do Concello, a Cámara de Comercio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a USC, unha asociación en defensa da lingua, un membro do Colexio Oficial de Xornalistas e un representante dunha asociación de consumidores.

O nome do Premio Manuel Beiras é unha homenaxe a este galeguista polo seu apoio á lingua, ademais de pola súa actividade como comerciante compostelán. Recibiu a Medalla de Ouro da cidade pola súa contribución cultural, un exemplo de compromiso colectivo dende o sector socioeconómico.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: