ALCALDÍA

O alcalde destaca o valor de "Os tesouros da illa de Granellandia" para achegar a obra e figura de Granell ao público infantil

29/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou na Fundación Granell a exposición Os tesouros da illa de Granellandia, que reúne as ilustracións do conto homónimo, do escritor e xornalista Paco López-Barxas. A obra fora publicada en 2012 polo Consorcio de Santiago, en colaboración con El Patito Editorial, con motivo do centenario do nacemento do pintor surrealista.

Agustín Hernández cualificou a exposición de "sorprendente e marabillosa" e amosouse convencido de que gozarán dela os visitantes, especialmente o público máis novo. "Estou seguro de que esta historia iconográfica de Paco López-Barxas, coas ilustracións do propio Eugenio Granell como apoio do relato do autor, xunto coa achega gráfica complementaria de Fausto Isorna, vai funcionar como un excelente vehículo de aproximación da obra e figura de Granell ao público infantil", indicou.

Segundo o alcalde, "estamos perante unha mostra que, máis que procurar unha lección edificante de carácter ético, vai dirixida a estimular o pracer das imaxes e dunha historia de sucesivos encontros extraordinarios". Así, explicou, "as obras de Granell aparecen fragmentadas, reinterpretadas por Paco López-Barxas dentro da fidelidade á súa esencia, para levarnos a unha forma de entender a vida chea de luz e de cores sorprendentes".

O escritor ponse ao servizo do pintor, co que mantivo unha grande amizade para "permitirlle que manifeste ese caudal simbólico, que vai orientado a través da palabra, coa atención posta na fidelidade a un extraordinario creador", dixo. Tamén resaltou a virtude desta "visión marabillosa da viaxe iniciática do exilio do artista" de somerxer os pequenos lectores nunha proposta para "gozar co fantástico dende a propia emoción".

"Estamos en presenza dunha fermosa mostra a través de aves fantásticas, achados, cometas que superan as leis da gravidade co traslado do propio pintor, illas de mulleres aladas, ollos da selva ou paxaros-flor... Todos eles potenciados pola calidade gráfica da obra, dende as formas orixinais nas que se basean, fragmentadas en función do relato literario", indicou o alcalde.

A historia
Paco López-Barxas inspirouse na figura e na obra de Granell á hora de escribir o seu libro. O protagonista desta historia é o pequeno Granell, que vive nun mundo onde todo é de cor negra, en alusión á época escura que viviu o pintor. Un día o rapaz atravesa o encerado da súa clase e chega a unha illa onde se atopa cun universo de cor, unha referencia á chegada de Granell ao Caribe exiliado tras a Guerra Civil. Esta illa chámase Granellandia e alí descobre unhas cuncas con tintas nunca vistas, coas que volve visibles formas invisibles. Antes de voltar de novo ao seu país mete nun cofre todos os tesouros que atopou na illa.

"É unha viaxe surrealista de ida e volta que pretende achegar aos máis pequenos a vida e a obra do xenial Granell, dende a súa infancia, os longos anos no exilio e, finalmente, a volta a Santiago, a través dos seus cadros", explica López-Barxas. O autor indica que o proceso creativo comezou coa elección dun total de 30 obras de Eugenio Granell, que lle serviron como apoio para relatar e ilustrar a súa historia. Son na súa maioría cadros pero tamén debuxos que aparecen en cubertas de libros, unha escultura… e ata un debuxo realizado polo pintor para un selo de Correos.

Estas obras ilustran o conto, xunto cos debuxos do protagonista, realizados polo deseñador Fausto Isorna e que se integran coas pezas orixinais de Granell. Son trazos feitos con xiz de cor branca con fondo en negro que contrastan co colorido dos cadros do pintor surrealista. Así, a exposición reúne as diferentes ilustracións que compoñen o libro e, ao lado de cada unha delas, móstrase unha reprodución dos cadros orixinais de Granell que apoian esta historia. Poderá visitarse ata o 23 de novembro.

Ademais do alcalde, do escritor e de representantes da editoria, participaron no acto de apertura da exposición o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a concelleira de Cultura, María Antón.

Compartir: