CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Outono Fotográfico chega un ano máis aos centros socioculturais de Compostela

27/10/2014 A Concellería de Centros Socioculturais colabora un ano máis co Outono Fotográfico en Santiago de Compostela. O festival, promovido pola Fundación Benito Losada, cumpre a súa XXXII edición, con presenza nos locais socioculturais da cidade ata finais deste 2014.

A concelleira de Centros Socioculturais, María Antón, e o director do certame, Xosé Lois Vázquez, presentaron a parte do programa a desenvolver en Compostela do Outono Fotográfico, o festival galego da fotografía. Ademais das exposicións previstas en diversos centros socioculturais, realizaranse obradoiros de iniciación á fotografía dixital, retoque fotográfico e fotografía creativa.

O OF organiza exposicións e programas en espazos expositivos como galerías de arte, espazos de exposicións institucionais, centros de ensino, casas de concellos, de xuventude e de cultura, lugares públicos, cafeterías. Componse de tres seccións: a Sección Oficial, na que o Festival convida a autores/as e curadores/as; o Outono Aberto, onde se seleccionan traballos de amadores/as; e Historias da Fotografía Galega, para a recuperación do traballo de fotógrafos/as galegos xa falecidos/as.

Coa intención de facer visible o traballo dos artistas novos en torno á fotografía, o Concello de Santiago, a través da Rede de Centros Socioculturais, colabora facilitando nesta edición diversas salas para a exposición de varios traballos artísticos nos centros socioculturais da Trisca, As Fontiñas, O Castiñeiriño, A Rocha, O Ensanche, Conxo e Vite, ademais da Casa das Asociacións de Cornes. O Outono Fotográfico tamén chega a outros espazos da cidade como a Galería Sargadelos ou o Centro Cultural Afundación.

As sete exposicións presentes nos centro socioculturais, do 5 ao 30 de novembro serán as seguintes:

- Miolos, de Álvaro Estévez, no CSC da Trisca.
- Pamantesti (das terras), de Natasha Lelenco.
- Lovers, de Sareh Sangsari, no CSC Agustín Bueno do Castiñeiriño.
- Outra realidade, de Ana Iglesias, no CSCXM do Ensanche.
- Postais dende un pobo embargado, de Martiño Pinal, na Casa das Asociacións de Cornes.
- Entropindia, de Francisco J. Núñez Zamora, no CSC José Saramago de Vite.
- Paseando por Málaga, de Francisco Menjivar, no CSC Aurelio Aguirre de Conxo.

A estas mostras hai que sumar a titulada As fotografías máis antigas de Galicia. Dezanove imaxes de Santiago e unha de Ferrol datadas en 1858 son expostas ao público por primeira vez primeira todas xuntas grazas ao proxecto de rescate fotográfico emprendido por Alvarellos Editora e comisariado polo editor e xornalista Henrique Alvarellos. O autor das imaxes, Andrés Cisneros é todo un precursor da fotografía galega e española.

Esta é unha exposición itinerante que xa estivo no CSC das Fontiñas e que ata o 14 de novembro permanecerá no CSC da Rocha. Logo, do 5 ao 29 de decembro, estará no CSCXM do Ensanche e, do 13 ao 30 de xaneiro de 2015, no CSC de Conxo.

A oferta de exhibicións fotográficas complétase en Compostela con outras tres mostras: Devolta - Arrefeceu a cor dos teus cabelos, de Lara Jacino, do 5 ao 29 de novembro na Galería Sargadelos; Finis Terre, de Marta Moreiras, tamén na Galería Sargadelos, do 4 de decembro ao 5 de xaneiro; e Posesións para un esquecimento, de Daniel Díaz Trigo, I Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que estará no Centro Cultural Afundación do 2 ao 28 de marzo de 2015.

Obradoiros
O Outono Fotográfico tamén programou varios obradoiros, entre eles un de iniciación á fotografía, que se celebrará no Local Sociocultural da Pontepedriña os días 7, 14, 21 e 28 de novembro. Haberá dúas quendas: unha pola mañá, en horario de 10:30 a 13:30 horas, e outra pola tarde, de 17:00 a 20:00 horas. Os talleres serán impartidos por Víctor Barro e o prezo é de 35 euros. As inscricións poden realizarse a través do teléfono 659 655 734 ou da dirección de correo victor.barro@fotosconletra.com.

Outro dos obradoiros centrarase no retoque fotográfico con Lightroom. Neste caso, o taller realizarase no CSC de Conxo os sábados 8 e 15 de novembro de 9:00 a 14:00 horas.

O programa formativo inclúe finalmente un obradoiro de fotografía creativa os días 3, 10, 12 e 17 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas, no LSC da Pontepedriña. Tanto este taller como o de retoque teñen o mesmo prezo, 35 euros, e a forma de inscrición é tamén a mesma.

Direccións relacionadas



Compartir: