ALCALDÍA

O Concello creará un grande itinerario natural polas ribeiras do Sar e do Sarela

27/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, anunciou que o Concello xa está traballando na creación dun "grande itinerario natural" polas ribeiras dos ríos Sar e Sarela. Así o comunicou durante a visita que esta mañá realizou, na compaña do director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, aos traballos de conservación e mantemento no río Sar que executa esta entidade autonómica.

Este itinerario, indicou o alcalde, transcorrerá dende o nacemento do Sar ata a desembocadura do río Sarela, seguindo logo por este ata practicamente o seu nacemento na parroquia da Peregrina. Avanzou que se están buscando as fórmulas para dispor da totalidade dos terreos para que, nun "prazo razoable", sexa posible "aproveitar a beleza e o valor natural" destes dous ríos composteláns.

En canto aos traballos no río Sar, no entorno da ponte e da Colexiata do Sar, Agustín Hernández agradeceu a Augas de Galicia o seu "compromiso cunha zona sensible" do Sar, que permitirá eliminar os sedimentos, mellorar o caudal de auga e previr así os asolagamentos que se viñan producindo nesta zona en época de choivas.

Augas de Galicia realiza un investimento económico de preto de 30.000 euros para a execución deste proxecto de mellora do citado río, na parroquia de Sar. Estase intervindo nun treito de preto de 115 metros de río co fin de conservar o bo estado ecolóxico do leito e a súa contorna, previndo así inundacións na zona da colexiata.

As tarefas a realizar consisten na limpeza, conservación e mantemento de leitos, marxes, zonas de servidume de paso e pistas de acceso ao río, de xeito que se facilite o discorrer das augas, así como o mantemento das condicións naturais do ecosistema. Grazas a este servizo potenciaranse os aspectos ambientais e estéticos do entorno fluvial e favorecerase o seu uso social.

Este proxecto hidráulico divide as súas accións en dúas zonas: augas arriba da ponte do Sar e augas abaixo da mesma infraestrutura. No treito de augas arriba da ponte, a Xunta realizará rozas manuais e retirada de sedimentos (mecanizada no leito e manual nas zonas pavimentadas. No tramo de augas abaixo da ponte, os técnicos levarán a cabo a roza manual da senda peonil paralela aos muros da colexiata e dos noiros das súas marxes, así como a eliminación de sedimentos do río. Nesta última área, tamén se executará a substitución do muro de cachotaría derrubado por un tabique de madeira.

Compartir: