ALCALDÍA

Agustín Hernández sumouse ao recital poético da autora e dos pequenos ilustradores do libro "O Castelo da Rocha Forte"

25/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu no Local Sociocultural da Rocha ao recital poético do libro O Castelo da Rocha Forte, acto incluído na programación da X Semana Cultural da Rocha. Logo de ler tamén el un poema, participou nun tradicional magosto.

O recital foi realizado pola autora, Rosalía Morlán, e os nenos que o ilustraron o libro, editado pola Asociación Cultural Rocha Forte con motivo do seu XV aniversario.

A Semana Cultural da Rocha, que se prolongará ata o 31 de outubro, dedícase nesta edición á fotografía, vinculada á vida cotiá das persoas, pero tamén como documento histórico que reflicte a imaxe da propia cidade e das súas xentes. Así, o programa conta coa exposición As fotografías máis antigas de Galicia. Santiago 1858, que permanecerá no local ata o 14 de novembro. Logo continuará o seu percorrido por outros centros socioculturais da cidade.

Entre as actividades propostas para traballar en torno á fotografía tamén está prevista unha camiñada, un obradoiro onde aprender a enmarcar unha imaxe e outro para iniciarse no retoque fotográfico.

Pechará o calendario da Semana Cultural, o venres 31 de outubro, unha actuación do Grupo de Teatro Rocha Forte coa obra A salto de cama.

Documentos relacionados



Compartir: