ALCALDÍA

O alcalde destaca o importante investimento de retorno a medio e curto prazo que xerará Womex para a cultura galega

24/10/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realizaron un percorrido polas instalacións de Womex 2014 na Cidade da Cultura. O rexedor compostelán expresou a súa certeza de que esta Feira Internacional das Músicas do Mundo, máis alá do seu impacto económico inmediato, estimado en 2,5 millóns de euros, xerará un "investimento de retorno máis importante a medio e curto prazo, tanto para os músicos galegos como para a cultura galega, para Santiago e para o conxunto de Galicia".

Agustín Hernández apuntou que Womex é "un magnífico escaparate para darnos a coñecer no exterior, para exportar a nosa cultura, para poñer en valor a nosa Comunidade no seu conxunto". Neste sentido, a aposta da Feira este ano por potenciar o intercambio con Latinoamérica, a través da Conexión Atlántica, "axuda a fortalecer tamén as tradicionais relacións de Galicia co continente americano, onde os galegos conservamos unha presenza destacada e unha raíces vigorosas".

A actividade profesional, de intercambio de experiencias e de contactos, que se desenvolve polo día na Cidade da Cultura é un "magnífico complemento" da actividade de promoción musical que se estende pola noite no centro histórico da cidade, destacou. Ademais, é unha oportunidade para que se dean a coñecer os nosos artistas, pero tamén Santiago de Compostela e o conxunto de Galicia.

En definitiva, engadiu o alcalde, "Womex estase a mostrar xa como unha experiencia moi positiva para a economía e a proxección internacional de Galicia, pero teño a certeza que a súa influencia –quizais menos apreciable pero máis persistente- será aínda maior cando a semente destes encontros e destes intercambios comece a dar os seus froitos, tanto para a música como para a cultura e o poder de atracción da nosa terra".

Compartir: