CONSORCIO

O Museo das Peregrinacións e de Santiago celebra esta fin de semana tres novos obradoiros para nenos de 6 a 12 anos

22/10/2014 O Consorcio de Santiago celebra esta fin de semana no Museo das Peregrinacións e de Santiago (sede da praza das Praterías) tres novos obradoiros didácticos dirixidos a nenos de entre 6 de 12 anos. Cada un deles ten unha duración de entre unha hora e media e dúas horas. A finalidade desta experiencia lúdica é que os máis pequenos se acheguen á historia de Compostela a través de propostas diferentes.

O sábado haberá dous talleres, pola mañá ás 12:00 e pola tarde ás 18:00 horas. O da mañá, titulado "Lemos historia", centrarase no nacemento e a evolución da cidade. Os rapaces visitarán a exposición permanente do museo Compostela Dicitur. A Cidade da Catedral, unha recreación do Santiago do século XIII. O percorrido pola mostra complementarase con lecturas breves vencelladas coa historia de Compostela. A sesión concluirá coa elaboración dunha narración conxunta de todos os rapaces, a partir dunha caixa de sorpresas, da que irán sacando obxectos que lles axudarán a escribir a súa historia da cidade, entre eles unha cuncha, unha campá, un candil... e ata un botafumeiro.

O obradoiro do sábado pola tarde, chamado "Debuxamos Santiago", busca estimular a creatividade dos participantes. Para iso proporcionaráselles material que lles permita crear e colorear a súa propia Compostela, reinterpretándoa dende a súa visión particular.

O domingo pola mañá, ás 12:00 horas, terá lugar o taller "Instantáneas móbiles", que impartirá o fotógrafo Manuel Blanco. Os asistentes terán a oportunidade de explorar as posibilidades que ofrecen as cámaras fotográficas dos teléfonos móbiles.

Inscrición previa
Cada taller ten un custo de 3 euros e será necesaria a inscrición previa para participar en calquera deles, a través do enderezo visitasguiadas@consorciodesantiago.org, no número de teléfono 981 566 110, ou tamén una propia recepción do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Os obradoiros terán un máximo de quince participantes cada un e un mínimo de seis para poder celebrárense.

Compartir: