CONSORCIO

A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece 15 prazas para que rapaces de 5 a 14 anos realicen un curso de corda no centro

21/10/2014 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) de Santiago de Compostela, celebra cada ano un curso de corda para nenos, centrado nas especialidades de violín, viola, violoncello e contrabaixo. Esta nova edición comezará en novembro de 2014 e prolongarase ata o mes de maio de 2015.

Esta iniciativa diríxese a rapaces, estudantes de corda, de entre 5 a 14 anos de idade. O centro ofrece un total de 15 prazas. Delas 8 son para as clases de violín, 3 para violoncello, 2 para a especialidade de viola e 2 para a de contrabaixo. Os profesores son docentes da propia Escola, que á súa vez son, na súa maioría, músicos integrantes da Real Filharmonía de Galicia.

Audición para seleccionar os alumnos
Os alumnos interesados en participar neste curso deberán presentar unha solicitude ata o 30 de outubro, a través da páxina web da Escola. Para acceder ao mesmo, o 4 de novembro, ás 18:30 horas, realizarase unha audición na sede da EAEM, onde os rapaces deberán interpretar unha obra de libre elección.

En canto aos contidos desta experiencia formativa, serán un mínimo de dez horas de preparación individual repartidas ao longo de todo o curso. Tamén haberá un mínimo de cinco horas de actividades colectivas de agrupación instrumental. E, ademais, realizarase un concerto no mes de xuño, onde os alumnos interpretarán tanto obras individuais como de conxunto.

Compartir: