PLENO

O Pleno aproba inicialmente as ordenanzas fiscais para 2015, que establecen unha rebaixa xeral de impostos para os composteláns

21/10/2014 Nunha sesión extraordinaria, o Pleno da Corporación aprobou inicialmente, cos votos favorables de PP e PSdeG-PSOE e a abstención do BNG a modificación das ordenanzas fiscais para 2015. Acométese deste xeito unha rebaixa xeneralizada de impostos aos cidadáns de Santiago de Compostela.

Tras a celebración do Pleno, o alcalde agradeceu a "vontade de consenso da oposición" e cualificou a aprobación inicial das ordenanzas como unha "demostración de compromiso e traballo conxunto". Tamén felicitou ao concelleiro de Facenda, Ramón Quiroga, e ao seu equipo polo traballo realizado.

O edil tamén deu as grazas aos voceiros dos grupos municipal e, insistindo na vontade de consenso, anunciou a creación dunha comisión técnica que estudará durante o período de alegacións as formuladas polos partidos da oposición e non recollidas inicialmente neste plan de fiscal. Logo dun mes de exposición pública e de alegacións, estas ordenanzas fiscais volverán ao Pleno para que a Corporación lles dea o visto bo definitivo no mes de decembro.

Impacto positivo de 5,5 millóns de euros
O concelleiro de Facenda foi o encargado de explicar no Pleno este plan de redución da presión fiscal, posibles grazas á mellora da situación financeira do Concello. Trátase de 14 medidas destinadas a baixar os impostos municipais e a diminuír a carga fiscal ao cidadán por parte do Concello, con accións como a baixada xeral do IBI e importantes bonificacións no cobro do mesmo; o apoio a sectores estratéxicos na nosa cidade como a construción e o turismo; o fomento do emprego e medidas de carácter social para colectivos como familias numerosas ou beneficiarios de vivendas de protección autonómica.

A estas medidas sumaranse outras tres accións complementarias que o Concello vai poñer en marcha para fomentar o fraccionamento do IBI; para axustar o calendario fiscal e así facilitar o seu pagamento; e para o fomento da domiciliación bancaria dos recibos. Todo isto co obxectivo dunha mellor planificación económica do contribuínte, dun maior prazo para o pagamento dos impostos e de máis comodidade á hora de aboar os recibos.

En conxunto, estas medidas suporán un impacto económico positivo por importe de 5,5 millóns de euros, cun aforro medio por veciños de 60 euros. Estes 5,5 millóns e euros –cifra case idéntica á do superávit do anterior exercicio- é o importe que deixará de recadar o Concello e que reverterá na propia cidade.

Baixada do IBI e axudas sociais
Entre as 14 medidas destaca a baixada do IBI (Imposto de Bens Inmobles), cuxo tipo impositivo pasará do 0,57 ao 0,54, continuando a senda de baixada iniciada o pasado ano, cando se pasara do 0,60 ao 0,57.

En relación ao IBI, tamén se establecen incrementos das bonificacións cun fin marcadamente social. Así acontece co aumento de tres anos máis da bonificación do 25% prevista para vivendas de protección autonómica (VPA), unha medida da que se poderán beneficiar unhas 1.400 vivendas.

O Concello tamén aumentará un 10% a bonificación do IBI para familias numerosas. Finalmente, e aumentarase a bonificación do IBI (entre un 5% e un 15% para os bens inmobles que carezan de servizos básicos.

A propósito deste imposto, o alcalde manifestou a dificultade legal de introducir bonificacións adicionais para colectivos en dificultades, como poderían ser as familias con todos os seus membros en paro e sen prestacións. Por isto, anunciou a intención do Goberno municipal de introducir algún tipo de "medida compensatoria" para estes colectivos nos orzamentos de 2015, probablemente en forma de orde de axudas.

ICIO e Plusvalías
Tamén se reducirá o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), pasando o tipo vixente do 2% ao 1,9%, e o Imposto de Plusvalías (por venda de inmobles), cun tipo que pasará do 26% ao 22%. Calcúlase que da primeira medida se beneficiarán unhas 1.200 solicitudes de licenza e, da segunda, unhas 4.000 liquidacións.

Impulso a sectores estratéxicos
Outro tipo de medidas teñen como obxectivo o impulso de sectores estratéxicos. Nesa liña van dúas novas bonificacións fiscais do IBI: do 50% para inmobles declarados monumento histórico de interese cultural con actividade económica, e do 75% para inmobles de organismos públicos de investigación e de ensino universitario.

Para fomentar o sector da construción e inmobiliario, auméntase a bonificación dos inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria (obra nova ou rehabilitación), pasando do 50% ao 70%. Tamén se incrementa do 30% ao 95% a bonificación do ICIO para construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de interese ou utilidade municipal. E para favorecer o emprego, a aquelas empresas que teñan incrementado o seu cadro de traballadores con contrato indefinido aumentaráselles a bonificación do IAE entre un 5% e un 15%.

En relación ás bonificacións urbanísticas, Ramón Quiroga anunciou a intención de estudar o incremento de bonificacións que premien o uso de enerxías alternativas nos inmobles.

Fraccionamento, calendario fiscal e domiciliación
Outra novidade destacada no eido fiscal será o cambio das datas de fraccionamento do IBI para aqueles contribuíntes que se acollan a esta posibilidade. As novas datas serán os días 5 de xullo, setembro e novembro (ata agora eran os días 5 de maio, agosto e novembro). Esta medida busca unha maior separación temporal co imposto de vehículos (marzo-maio), a unificación co novo calendario de pago voluntario, afrontar os meses de maiores necesidades económicas (xullo e decembro) e evitar o mes vacacional de agosto.

Prodúcese, en consecuencia, un axuste do calendario fiscal do IBI. Ao igual que no caso do devandito pago fraccionado, cambian as datas do pago voluntario, pasando a ser o 5 de xullo e o 5 de setembro (ata agora eran o 5 de abril e o 5 de xuño).

Sobre o fraccionamento, Ramón Quiroga manifestou a vontade do Concello de seguir traballando para ampliar este sistema, do que xa se benefician 5.000 contribuíntes. Tratarase de ampliar o número de prazos e de buscar as solucións técnicas para lograr un sistema de pagos á carta.

O Concello tamén seguirá fomentando a domiciliación, neste caso propiciando que o abono dos recibos domiciliados se realice o último día de pago. Os contribuíntes terán así un maior prazo ata o pago do imposto e para a súa planificación económica.

Compartir: