CULTURA

Leticia Moreno e Bertrand Chamayou intepretan tres sonatas para violín e piano nas Xornadas de Música Contemporánea

20/10/2014 A rica oferta de cámara das Xornadas de Música Contemporánea ofrece este martes unha das citas máis destacadas: o concerto do dúo de novos talentos formado pola madrileña Leticia Moreno e o francés Bertrand Chamayou, que inclúen no programa a estrea dunha nova obra para violín e piano de Oliver Rappoport. Será ás 20:30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia).

O ambicioso programa que propoñen estas dúas talentosas figuras emerxentes do panorama musical actual, ábrese con Enrique Granados e continúa con sonatas de xenios tan significativos como Richard Strauss ou o polaco Krzysztof Penderecki e unha nova estrea do novo compositor malagueño Oliver Rappoport, encargo directo do Centro Nacional de Difusión Musical. A entrada será gratuíta previa retirada de convites no Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas ou no propio Paraninfo da USC dende unha hora antes do comezo do concerto.

Antes de chamar internacionalmente a atención e ser aclamado como un dos compositores máis orixinais da vangarda musical alá polos sesenta, e moito antes de conquistar o gran público co seu neotonalismo de finais dos setenta, Penderecki xa compuxera toda unha serie de obras que el mesmo cualifica de rutineiras: "Durante tres anos, o meu primeiro profesor esixíame cada semana que escribise unha obra de estilo diferente: unha peza para piano ao estilo de Brahms, Debussy, Beethoven, Honegger, Chopin etcétera. Nunca escribín nada propio". Entre estas áchase a súa Sonata núm. 1 para violín e piano, cuxos tres movementos fan pensar en Shostakovich e nas súas ásperas harmonías, non poucas veces cargadas de dobre sentido.

A sonata dun só movemento de Granados manifesta a exquisita sensibilidade que este posuía para a conxunción entre melodía e harmonía. Dentro da súa linguaxe polo xeral neorromántica, na súa Sonata para violín, publicada postumamente en 1971, domina claramente a voz do instrumento solista percorrendo practicamente todo o seu rexistro. O piano limítase a imitar os melismas en breves pasaxes, como comentándoos, cando non divaga en arpexos arroupando ao violín. Característicos do seu estilo son os constantes vaivéns de ambos os dous que parecen mexerse en augas mansas. Só cara ao final da obra aparecen algunhas turbulencias que pronto quedan resoltas, dando paso a un intenso final no que, unha vez máis, o violín alza o voo despregando toda a súa intensidade lírica.

Se ben nas dúas obras anteriores o piano exercera funcións de acompañamento, na obra encargo do CNDM ao compositor malagueño Oliver Rappoport isto cambia. Sobre o seu Dúo comenta en poucas palabras: "Obra contemplativa de escasos materiais, sutís cambios tímbricos transformados no transcurso do tempo onde ambos os dous instrumentos teñen funcións complementarias. Accións que crean reaccións nun discurso inicialmente calmo, coa incorporación de contrastes dinámicos".

Igual que no caso de Penderecki, a única sonata para violín de Strauss foi creada nos anos de xuventude, dentro da dilatada vida artística do compositor muniqués que tamén acabou por compaxinar a actividade compositiva coa de director de orquestra. O primeiro escribiu a súa sonata aos vinte anos de idade, o segundo aos vinte e tres. Pero aquí rematan as similitudes! A sonata de Penderecki foi un encargo didáctico para completar a súa formación; a de Strauss mostra claramente o xenio que se prepara para facer grandes cousas nun futuro moi próximo. Con razón, a súa Sonata para violín é considerada como "a" sonata alemá máis significativa do fin de siècle, unha peza "brillante, enchida de enxeño", segundo o musicólogo Wilhelm Altmann; ou anticipando o novo sinfonismo, segundo o musicólogo Fritz Schuh, "totalmente distinta a todo o anterior polas liberdades que toma nas modulacións cromáticas, anunciando algo que aínda está por chegar", segundo Antonio Gómez Schneekloth.

Leticia Moreno
Aclamada internacionalmente pola súa exquisita musicalidade e expresividade, foi galardoada co prestixioso premio Príncipe de Girona e elixida Echo Rising Star pola Comunidade Europea. A próxima tempada realizará unha xira de vinte concertos que a levará ás salas máis importantes de Europa: Musikverein de Viena, Barbican Centre de Londres, Concertgebouw de Amsterdam, Théâtre des Champs Elysées de París, etc. Gañadora de varios concursos internacionais (H. Szeryng, Concertino Praga, Novosibirsk, Sarasate ou Kreisler), recibiu outros galardóns como o Emily Anderson Prize de la Royal Philharmonic Society, Martin Musical Scholarship da London Philharmonia Orchestra, Asociación de Intérpretes Españois e Xuventudes Musicais, Lotto Förder Preis do Festival de Rheingau etc.

Ten actuado con recoñecidos directores como Zubin Mehta, Yuri Temirkanov, Krzysztof Penderecki, Vladimir Spivakov, Maxim Vengerov, Ivor Bolton, John Axelrod, John Nelson, Walter Weller, Pinchas Steinberg, Gunther Herbig, Eiji Oue, Josep Pons, Víctor Pablo Pérez, Jesús López Cobos, etc., e con orquestras da importancia da Wiener Symphoniker, Mozarteum, St. Petersburg Philharmonic, National Philhamonic de Rusia, Maggio Musicale Fiorentino, Sinfonía Varsovia, Sinfónica de Besançon, Essener Philharmoniker, Sinfónica de Taipei ou Orquestra Simón Bolívar, e é un invitada habitual das principais orquestras españolas. Actuou en salas como Wiener Konzerthaus, Concertgebouw de Amsterdam, Wigmore Hall de Londres, Rudolfinum de Praga, Bayreuth Opernhaus, filharmónicas de San Petersburgo e Moscova, National Concert Hall de Taipei, Carnegie Hall, etc., e en festivais como Lockenhaus, Rheinghau, Colmar, Besançon, Ravinia, Musical Olympus de San Petersburgo, Beethoven, Passau, Davos etc. Na tempada 2014/15 realizará o seu debut co Washington National Symphony Orchestra no Kennedy Center da man de Christoph Eschenbach e co Houston Symphony dirixida Andrés Orozco Estrada.

Estudou con Zakhar Bron na Escola Superior de Música Reina Sofía e na Musik Hochschule de Colonia (sendo a bolseira máis nova da historia da prestixiosa Alexander von Humboldt Stiftung), na Saarlandes Musik Hochschule e na Guildhall School of Music de Londres. Tivo o privilexio de recibir consello de Mstislav Rostropovich, quen foi o seu mentor nos últimos anos da súa vida. Gravou a Sinfonía española de Lalo para Verso e as Pezas caprichosas de Bernaola para Claves. Toca un violín Nicola Gagliano de 1762.

Bertrand Chamayou
Nacido en Toulouse, é unha das personalidades máis famosas e solicitadas da escena musical actual. Coñecedor dun amplísimo repertorio, implicado na composición contemporánea, é capaz de pasar dun estilo a outro cunha facilidade desconcertante, impón unha seguridade e unha imaxinación asombrosas, así como unha destacada coherencia nas súas propostas artísticas. Na tempada 2014/15 actuará na Philharmonie de Berlín coa Deutsche Sinfonie Orchester, na Alte Oper de Frankfurt coa Hessischer Rundfunk Orchester e será invitado de numerosas orquestras como a Sinfónica de Oregón, Orquesta de París, Filharmónica de Radio France, Orquestra Nacional de Lyon, Sinfónica de Québec, Orquestra de La Monnaie (Bruxelas), Filharmónica de Poznan e NDR Sinfonie Orchester de Hamburgo. Foi artista residente durante a tempada 2013/14 no Auditorio de Burdeos invitado pola Orquestra Nacional de Burdeos-Aquitania.

En 2014 asinou un contrato exclusivo co selo Erato, que deu como primeiro froito un disco dedicado a Schubert, repertorio co que está a ofrecer recitais en escenarios de todo o mundo como o Théâtre des Champs-Elysées, Wigmore Hall, Alice Tully Hall do Lincoln Center, Schubertiade de Schwarzenberg, Festival de Rheingau, Konzerthaus de Viena e Festival Internacional de Piano de Tallin. As súas anteriores gravacións para Naïve recibiron numerosos premios: Editor's Choice de Gramophone, Choc de Classica, Diapason d'Or etc. Recibiu premios Victoire de la Musique Classique ao mellor solista instrumental en 2012 e ao artista revelación en 2006. Foi invitado a actuar nos principais escenarios e festivais internacionais: Sala Pleyel, Théâtre des Champs-Elysées, Wigmore Hall, Lincoln Center de Nova York, Herkulessaal de Múnic, Philharmonie de Colonia, Concertgebouw de Amsterdam, Palais des Beaux-Arts de Bruxelas, Auditori de Barcelona, Conservatorio Chaikovski de Moscova, Auditorio da Cidade Prohibida de Beijing, etc, e en festivais como Piano do Ruhr, Mostly Mozart, Rotterdam, Lucerna, Mecklenburg-Vorpommern, Musikfest de Bremen, Schubertiade de Schwarzenberg, Schwetzingen, Toulouse, Roque d'Anthéron, Chaise-Dieu, Besançon, Côte Saint-André, Radio France, Montpellier, etc. Actuou xunto a directores como Pierre Boulez, Andris Nelsons, Leonard Slatkin, Neville Marriner, Yutaka Sado, Semyon Bychkov, Philippe Herreweghe, Emmanuel Krivine, Michel Plasson, Stéphane Denève, Fabien Gabel, Ludovic Morlot, Jérémie Rohrer, Fayçal Karoui, Tugan Sokhiev, Lawrence Foster, Evelino Pido, Louis Langrée, Christian Arming, Paul Daniel e Joshua Weilerstein, con orquestras de renome como a Orquestra de París, Filharmónica de Londres, Sinfónica da WDR de Colonia, Deutsche Kammer Philharmonie (Bremen), Sinfónica da Radio de Stuttgart, Orquestra Nacional de Francia, Real Orquestra Nacional de Escocia, Orquestra Sinfónica Nacional de Dinamarca, etc.

A música contemporánea ocupa unha parte importante da súa actividade e traballou con lendas vivas da creación como Henri Dutilleux ou György Kurtág. A súa actividade na música de cámara é esencial na súa carreira e actúa con músicos da categoría de Sol Gabetta, Renaud Capuçon, Daishin Kashimoto, Agustin Dumay, Antoine Tamestit, Gautier Capuçon, Nicolas Baldeyrou, Alexeï Ogrintchouk, David Guerrier, Paul Meyer, Emmanuel Pahud e cos cuartetos Ebène, Belcea e Ysaÿe.

Compartir: