SOLIDARIEDADE

O Multiúsos Fontes do Sar acolleu un maratón deportivo solidario con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama

19/10/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, e a concelleira de Deportes, María Corral, asistiron no Multiúsos Fontes do Sar ao maratón deportivo solidario Pink Power, celebrado con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Mama. Houbo clases dirixidas de zumba, capoeira e bodycombat na pista central do recinto, ademais de actividades para os máis pequenos. Os participantes debían realizar un donativo de 5 euros, destinados integramente á Asociación Española contra o Cancro (AECC).

Os asistentes participaron en clases dirixidas de zumba, unha disciplina de exercicios de baile inspirados na música latina, cunha mestura de música internacional creada por produtores de prestixio. Tamén houbo unha sesión de capoeira, a antiga danza brasileira, que se remonta a varios séculos de antigüidade e na que se combinan as artes marciais coa enerxía do entroido carioca. As clases completáronse co bodycombat, un programa de adestramento cardiovascular inspirado nas artes marciais, co que se liberan grandes doses de adrenalina. Todos os inscritos recibiron unha gorra conmemorativa rosa que luciron durante o evento.

Para os máis pequenos estivo dispoñible o Multixogo, o parque infantil que abre todos os domingos pola tarde no Multiúsos Fontes do Sar. Houbo inchables, camas elásticas, xogos e obradoiros para nenos de ata 12 anos e as súas familias.

Á achega pola participación dos inscritos destinada á AECC súmase outra de XADE, que doa 1.000 euros para contribuír tamén á loita contra o cancro de mama. No espazo da entrada do pavillón houbo un expositor de AECC con información sobre o tema. Alí tamén se podían adquirir outros elementos conmemorativos do evento, como gafas de solo ou pulseiras.

Este expositor da AECC estivo tamén instalado con motivo do partido que pola mañá disputaron o Río Natura Monbus Obradoiro e o Gipuzkoa Basket. Os que o desexaran tamén podían deixar as súas mensaxes de apoio nunha cortiza instalada pola AECC. Ademais, vendéronse rifas a 1 euro na entrada, cuxo destino será tamén a AECC. Como agasallo entregouse unha pulseira

Compartir: