ALCALDÍA

O alcalde afirma que o Museo de Historia Natural permitirá apreciar a mellor colección do patrimonio histórico científico de Galicia

18/10/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, asistiu á inauguración do Museo de Historia Natural da USC "Luis Iglesias". As novas instalacións, deseñadas polo arquitecto César Portela, son xestionadas pola Universidade tras ser cedidas polo Consorcio de Santiago, encargado da súa construción. Este centro é o continuador do Gabinete de Historia Natural creado na USC en 1840 e conserva moitas coleccións do século XIX, o que o converte nun proxecto científico único.

Ás magníficas coleccións que alberga este Museo referiuse o alcalde na súa intervención, destacando que "son o resultado dun traballo colectivo de científicos, investigadores, docentes, institucións e particulares; pero tamén é resultado dun traballo colectivo a propia construción destas novas instalacións, froito da suma de vontades e de esforzos de distintos Gobernos e de distintas Administracións". Así, lembrou que a obra se fixo realidade a través do Consorcio de Santiago, onde actúan de forma coordinada o Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

Tal como indicou Agustín Hernández, o Consorcio fixo posible no seu día a incorporación da totalidade desta finca de Vista Alegre ao patrimonio público; o financiamento da rehabilitación do palacete residencial, cedido á Universidade; custeou a recuperación do parque cedido ao Concello; acometeu a construción de dous edificios para a Escola de Altos Estudos Musicais e para o Centro de Estudos Avanzados da USC; e finalmente fixo posible a construción deste Museo de Historia Natural.

"Esta obra será a derradeira deste ámbito, porque esgota a capacidade de edificación prevista na finca, e na que investiron, xunto coa urbanización do contorno, algo máis de 5 millóns de euros", apuntou.

Volvendo á calidade das coleccións, o alcalde afirmou que "a cidade de Santiago, que ten máis dunha decena de museos moi coñecidos, que abranguen dende a medicina, á pedagoxía, pasando pola etnografía, a arte máis actual ou a temática relixiosa, tiña aínda un museo máis, de incalculable valor agochado, do que moi poucas persoas tiñan coñecemento e aínda menos tiñan visitado".

Considerou que era "unha inxustiza manter case no esquecemento tanto traballo e tanta riqueza, froito de décadas de dedicación e de centos de persoas que axudaron a conformar a máis importante colección do patrimonio histórico científico de Galicia". Por iso, congratulouse da apertura deste Museo, que "representa a variedade e diversidade natural".

As instalacións tamén permitirán, tal como indicou, "apreciar e admirar o labor de aqueles que dedicaron a maior parte das súas vidas a estudar, procurar e reunir boa parte deste legado". Neste museo está o traballo de persoas como Antonio Casares, Víctor López, José Planelles, Parga Pondal, Emilio Rolán ou Luís Iglesias, "o gran investigador que lle dá nome a estas instalacións e que resume co seu labor os méritos dos que, antes e despois, traballaron dende hai case 175 anos para facer posible que hoxe poidamos gozar destas exposicións".

Visita ás instalacións
O acto inaugural do Museo de Historia Natural "Luis Iglesias" estivo presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e contou tamén con intervencións da directora do Museo, María Isabel Fraga; do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; e do reitor da USC, Juan Viaño.

Logo dos discursos, a directora do Museo conduciu unha visita guiada polas instalacións, que na súa planta baixa albergan as coleccións sobre biodiversidade terrestre galega, humedais, bosque mixto galego, biomasa e fauna mundial e selva sudamericana, ademais de documentos sobre a historia do Museo. No primeiro andar están as coleccións de: xeodiversidade, minerais, rochas, caixa forte de pedras preciosas, fósiles, meteoritos, solo, biodiversidade mariña, moluscos, algas e invertebrados mariños, colección malacolóxica "Emilio Rolán Mosquera", tartarugas, peixes e litoral galego.

Compartir: