CENTROS SOCIOCULTURAIS

Máis actividades en Compostela Cine Classics

15/10/2014 Continúan unha semana máis as actividades do programa sociocultural Compostela Cine Classics 2014, desta vez cunha nova proxección e co primeiro dos concertos do Cine Classics Música.

O venres 17, a partir das 20:30 horas, na Sala Agustín Magan do Centro Sociocultural de Santa Marta, exhibirase o filme Johnny Guitar, un western dirixido en 1954 por Nicholas Ray. Margarita Ledo, directora e catedrática de Comunicación Audiovisual da USC presentará a película e dirixirá o posterior coloquio.

Ao día seguinte, sábado 18, ás 19:00 horas, celebrarase o primeiro dos concertos previstos no Cine Classics Música. Titúlase A maxia da música no cine e correrá a cargo do guitarrista Quique Azambuya e do seu invitado especial Harry. O concerto celebrarase tamén na Sala Agustín Magán e a entrada é de balde ata completar aforo.

Exposición Os cines de Compostela
Ademais, segue aberta a exposición Os cines de Compostela. Fotogramas da nosa historia, un repaso sentimental pola historia da nosa cidade no último século, a través dos seus cines e as súas xentes. Pode verse na Casa das Asociacións de Cornes (rúa Manuel Beiras 3) ata o día 31 de outubro, en horario de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas.

Curso de fotografía
Por outra parte, aínda hai prazo ata o 19 de decembro para participar no concurso de fotografía convocado polo programa. Búscanse fotografías especiais sobre o cine e os cines, sobre experiencias vividas neles e tamén no propio Compostela Cine Classics, o cine da infancia, o significado do cine para a xente...

Para participar unicamente hai que enviar a fotografía á dirección de correo electrónico compostelacineclassics@santiagodecompostela.gal. As bases poden consultarse na web dos Centros Socioculturais.

As 15 fotografias máis votadas darán lugar á exposición Espazos compartidos. Cines e vidas, que se abrirá no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche en xaneiro de 2015.

Compartir: