SERVIZOS SOCIAIS

Tres novos convenios de colaboración con Down Compostela, ACEM e Red Madre

06/10/2014 A concelleira de Servizos Sociais, María Corral, asinou esta mañá tres novos convenios con entidades sociais: Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), Asociación Red Madre Coruña e Fundación Down Compostela. Os tres acordos suman unha achega municipal de 12.300 euros. Estes convenios súmanse a aqueles que vén asinando o Concello con diversas entidades sociais nos últimos meses. Ao remate do exercicio teranse subscrito 29 convenios, por un importe conxunto de 386.877 euros.

O convenio asinado pola concelleira co presidente da Fundación Down Compostela, Juan Jesús Martínez López, por importe de 6.600 euros, ten por obxecto financiar o Programa de Lecto-escritura desta entidade. As persoas con Síndrome de Down precisan adquirir competencias lecto-escritoras dende a primeira infancia ata a idade adulta, pasando por distintas fases e estratexias de intervención dependendo da idade e das características da persoa. Dominar esta destreza resulta fundamental non só nas diferentes etapas educativas, senón para o desenvolvemento normalizado da vida adulta.

O Programa de Lecto-escritura da Fundación Down Compostela está destinado a uns 25 usuarios e usuarias con discapacidade en xeral, e síndrome de Down en particular, que precisan adquirir ou mellorar as súas competencias lecto-escritoras a partir dos 3 anos. O obxectivo xeral é favorecer e mellorar as competencias lecto-escritoras destas persoas ferramenta de aprendizaxe e para favorecer a súa inclusión escolar, social e familiar.

O programa desenvólvese de forma individualizada, atendendo ás características e ao ritmo de cada un dos nenos. De forma case simultánea á aprendizaxe da lectura, faise fincapé na comprensión lectora, introducindo tamén a escritura, traballando previamente as habilidades de grafomotricidade como paso previo para conseguir unha grafía lexible.

ACEM
En canto á Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, o Concello achega 2.700 euros para o seu Programa de Rehabilitación Logopédica. O convenio foi subscrito por María Corral coa presidenta da entidade, Rosa Mª Villar Cordovés.

O obxectivo do Programa de Rehabilitación Logopédica é mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por Esclerose Múltiple (EM) e Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). O programa, a cargo dunha logopeda, presta un servizo por medio da prevención, diagnostico, prognostico, tratamento, avaliación e estudo científico da comunicación humana (a fala, a voz, a linguaxe e a audición), dos trastornos da deglución e dos trastornos asociados.

A través deste programa adéstrase ás persoas que manteñen un papel activo no coidado do paciente, detéctase de forma temperá o problema, intervense sobre os déficits detectados, estimúlanse as capacidades intactas, proporciónanse sistemas alternativos de comunicación e prevese a aparición de posibles problemas ao longo do proceso rehabilitador.

A meta da rehabilitación é axudar ao paciente a recuperar o máximo nivel posible de funcionalidade e independencia e a mellorala calidade de vida en xeral, tanto no aspecto físico coma no psicolóxico e social.

Red Madre
O terceiro convenio subscrito durante a xornada ten como beneficiara a asociación Red Madre Coruña, en nome da cal asinou a súa presidenta, Susana Lozano García. A achega municipal é de 3.000 euros, destinados ao seu Programa de Emerxencia Social para mulleres embarazadas ou lactantes.

A través do Servizo de Intervención Social de Red Madre preténdeselle facilitar a estas mulleres (con fillos/as menores de 3 anos) en posible situación de risco social (sen apoio familiar ou da parella, sen emprego, menores de idade, en casos de emancipación precoz, con problemas económicos, abandono, marxinación...) a maternidade e a mellora da súa situación persoal el laboral procurando a súa autonomía. Isto implica favorecer a súa incorporación ao mundo laboral, a igualdade de oportunidades e a conciliación familia-traballo, evitando a exclusión social destas mulleres.

Dentro deste servizo inclúese o Programa de Emerxencia Social, con obxectivos específicos como a cobertura de necesidades básicas non cubertas polos sistemas de protección, de necesidades xerais (alimentos, vestiario e demais indispensables para o desenvolvemento da vida diaria) e doutros gastos excepcionais, valorados pola traballadora social como indispensables para previr a marxinación e favorecer a normalización.

Compartir: