CULTURA

Os canadenses Holy Fuck protagonizan o TriCiclo 6 dentro do Compostela Rock

02/10/2014 Os canadenses Holy Fuck, posuidores dun dos mellores directos do panorama alternativo internacional, chegan este venres á Sala Capitol de Santiago de Compostela para participar na sexta edición do TriCiclo, dentro do ciclo Compostela Rock. No concerto, que abrirá as súas portas ás 20:30 horas, terán o apoio visual dos galegos Theremin Tourette, actuais gañadores do FIMG 2014 (Festival Internacional de Mapping de Xirona).

Música e visuais de vangarda nunha xornada onde tamén estarán os portugueses Sensible Soccers, que tras a recente publicación do seu álbum 8 foron os triunfadores do verán en Portugal, sendo destacados os seus concertos entre o mellor do Festival Paredes de Coura, Milhoes de Festa (Barcelos) e Boom Festival (Lisboa). Xunto a eles, as galegos Esquelas, que presentarán en directo o novo material que están a piques de publicar. O prezo do concerto será de 12 euros anticipada e 15 na billeteira. E poden mercarse entradas no despacho de billetes do Teatro Principal, Ticketea, Codetickets, A Reixa Tenda e salacapitol.com.

Holy Fuck (Canadá)
Holy Fuck son a electrónica sen electrónica e é que esta podería ser a premisa do seu estilo. Un estilo no que prescinden do uso de computadores e demais aparato para volver ao analóxico e botarlle moita imaxinación ao asunto. Nos seus directos pódese ver de todo, dende pistolas de xoguete usadas como instrumento até un sincronizador de películas de 35 milímetros, e o caso é que dar, dá o pego. A carreira deste proxecto protagonizado sobre todo por Brian Borcherdt e Walsh Graham comezaba en Toronto fai dez anos e desde aquela non deixaron de sorprender a propios e estraños cuns directos intensos e precisos como poucos e nos que manda a improvisación e o desenfreo musical. Levan tres discos publicados e para o TriCiclo a cousa promete xa que presentarán o que será o seu próximo disco.

A formación está composta, ademais de por os xa citados Brian Borcherdt e Walsh Graham, por Matt "Punchy" McQuaid e Matt Schulz. Catro elementos que se integran como uno só para dar renda solta a todas as súas ideas musicais nunha orxía rítmica e de exploración sónica que contaxia aos asistentes até levalos a un clímax de comuñón absoluta.

Sensible Soccers (Portugal)
Os lusos Sensible Soccers son un cabalo gañador. Nacidos na localidade de Vila do Conde, son unha das formacións máis en forma do espectro de bandas portuguesas actual e o seu último disco, 8, estará a recado no máis alto das listas que realizan as webs, revistas e demais medios do país veciño a final de ano. Recentemente, no seu concerto no festival Paredes de Coura, deron unha boa mostra da excelencia do seu son, a plena luz do día e cun auditorio practicamente cheo a esa hora.

Tinguiduras electrónicas que mesturan sonoridades kraut e afrobeat, os catro membros de Sensible Soccers (Emanuel Botelho, Filipe Azevedo, Hugo Alfredo Gomes e Manuel Justo) corren unha carreira de fondo na que a súa paixón balompédica úneos irremediablemente a capas de sintetizadores, voces rumoreadas de reminiscencia shoegaze e fráxiles guitarras que tecen cancións creadas para xogar un último partido nas minchas.

Esquelas (Galicia)
Esquelas son Andrés Satué e Alberto Fernández, posiblemente os artífices da música máis escura e inquietante que xamais saíu de terras galegas. Os seus temas, de cadencia repousada, atópanse esencialmente desposuídos de variacións harmónicas. De feito, poderíase dicir que na súa turbadora proposta o son é a clave e, sen ningunha dúbida, resulta moito máis importante que as melodías. Co esoterismo como concepto e Sun O))) ou The Haxan Cloak como bandas de obrigada referencia á hora de falar deles, penetran no terreo dun dark ambient desposuído de pomposidades góticas.

O seu traballo máis recente é o EP Inciso que, en palabras dos músicos, son catro composicións centradas "na procura e uso de frecuencias baixas, así como do aspecto máis físico do son". Quen os viu, afirma que os seus directos son unha intensa experiencia audiovisual que trata de establecer unha relación entre a negrura do doom drone e a proxección de imaxes. Nesta actuación do TriCiclo, os coruñeses presentarán o novo material que pronto verá a luz en forma de gravación.

NO3L (Galicia)
A parte gráfica do evento correrá por conta do artista urbano NO3L (Rianxo, 1989). Creceu xogando nos mundos imaxinarios que manchaba nos papeis e desenvolvéndose nas técnicas e os procesos da liña, a cor e a forma. Na actualidade, segue este camiño de autodescubrimento a través da ilustración. Leva 8 anos dedicado á ilustración, a pintura de murais na rúa, en contacto con esa contorna que tanto lle gusta observar, investigar e reinterpretar mesturándoo co seu imaxinario persoal.

Compartir: