CONSORCIO

Un músico coruñés gaña a praza de fagot para o Curso de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais

02/10/2014 A Escola de Altos Estudos Musicais, con sede en Santiago de Compostela, convocou unha proba extraordinaria para cubrir a praza da especialidade de fagot para o Curso Avanzado de Especialización Orquestral 2014-2015, debido a que quedara deserta na proba realizada no mes de xullo. Este curso está recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago e diríxese a músicos instrumentistas con titulación superior que teñen como meta adquirir a formación e a experiencia necesarias para integrarse nunha orquestra profesional. Naceu hai tres anos como unha experiencia pioneira en España.

Os candidatos tiveron que superar unhas probas, nas que se valoraban as habilidades técnico-interpretativas dos músicos. Entre todos os aspirantes, resultou gañador o novo intérprete coruñés Óscar Galán Adega. Comeza os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música da Coruña aos setes anos de idade. Continúa a súa formación no Conservatorio Superior da mesma cidade. En 2012 realiza estudos de Máster en Rotterdam. Formou parte da Orquestra Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia. Traballou baixo a batuta de recoñecidos directores e recibiu clases maxistrais de grandes mestres do fagot. Na actualidade é membro do Quinteto Invento.

Prácticas coa Real Filharmonía de Galicia
O curso dura un ano académico, dende o 1 de outubro de 2014 ata o 30 de xuño de 2015. Ademais da especialidade de fagot, este curso de posgrao forma a intérpretes en violín, viola, violoncello, contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, trompa, trompeta e percusión. Todos os alumnos disporán dunha bolsa de 300 euros ao mes. E, como estudantes de pleno dereito da Universidade de Santiago, terán posibilidade de aloxamento na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións, situada a 180 metros da escola.

Este curso de posgrao ofrece aos futuros intérpretes a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da escola son músicos da RFG. E cada alumno participará nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, recibirán clases individuais de especialización instrumental, de música de cámara, clases teóricas, maxistrais e cursos impartidos por profesorado do centro ou invitado da escola. Tamén participarán en varios concertos públicos ao longo do curso académico.

Compartir: