CONSORCIO

Xornada de portas abertas na igrexa conventual de Santa Clara para coñecer as monteas descubertas no chan do templo

02/10/2014 O Consorcio de Santiago vai celebrar este venres, ás 20:00 horas, unha xornada de portas abertas na igrexa conventual de Santa Clara para dar as coñecer as monteas do século XVIII descubertas no pavimento do templo. Trátase de debuxos a tamaño natural realizados pola cuadrilla que no seu día traballou na construción do edificio e que servían como guía aos canteiros á hora de tallar cada pedra. Contarase coa asistencia da concelleira de Cultura e Patrimonio, María Antón.

Un equipo de expertos en monteas está a estudar este achado e nesta sesión darán a coñecer os avances das súas investigacións. Trátase do profesor de Historia da Arte da Universidade de Santiago Miguel Taín Guzmán, especializado en Historia da Arquitectura, en particular do barroco; e José Calvo López, profesor de Xeometría Descritiva e de Historia da Construción da Universidade Politécnica de Cartaxena. Ambos levan unha década colaborando xuntos no estudo das monteas aparecidas tanto en Galicia como no resto de España. Ofrecerán unha charla divulgativa e acompañarán, xunto con técnicos do Consorcio, aos asistentes nun percorrido para ver as monteas in situ unha a unha.

Compartir: