ALCALDÍA

O alcalde aposta por converter Compostela Gastronómica nunha marca promocional da nosa gastronomía durante todo o ano

02/10/2014 "A intención do Concello é converter Compostela Gastromómica nunha marca que sirva para promocionar a nosa gastronomía durante todo o ano, fomentando a desestacionalización da demanda e aumentando o gasto medio dos visitantes". Así o anunciou o alcalde, Agustín Hernández, nunha rolda de prensa para facer balance da primeira edición do certame, celebrada do 19 ao 28 de setembro.

Esta estratexia para o futuro de Compostela Gastronómica estará baseada en dous piares. "Por unha banda pensamos en manter un gran programa anual de dez días, similar ao que rematou o domingo, con charlas, obradoiros, Espazo Gastro, Rutas de Menú de Mercado, etc", dixo. Consultado o sector, desenvolverase na primavera, en datas aínda por pechar dependendo do calendario de eventos gastronómicos en España.

Por outra banda, explicou Agustín Hernández, "baixo a marca Compostela Gastronómica, pensamos en desenvolver actividades concretas ao longo do ano que sirvan para dinamizar o sector en fins de semana ou datas concretas do ano, co obxectivo de impulsar a demanda nos meses con menor afluencia turística". Estas accións, apuntou, "respectarán sempre os valores diferenciais do evento: o Mercado de Abastos, o produto galego e os cociñeiros de Santiago".

O alcalde cre que, con estas accións, ademais de dinamizar o mercado en datas determinadas, se poderá consolidar a marca de Compostela Gastronómica con maior forza, "unha marca que pensamos que posiciona a nosa cidade como destino gastronómico". "Neste momento estamos traballando na primeira acción de Compostela Gastronómica, que confiamos poder desenvolver neste mesmo ano, antes do Nadal", anticipou.

Acompañaron ao alcalde na rolda de prensa a concelleira de Turismo, Reyes Leis, e os cociñeiros Siro González e Sergio Arias. Os tres fixeron un balance positivo do certame e, no caso dos cociñeiros, destacaron que o evento reforza o papel de Santiago a nivel gastronómico.

Nese diagnóstico coincidiu o alcalde, resaltando que a Santiago "faltáballe un evento propio, diferenciado, feito dende Santiago e para Santiago; é dicir, un evento que aproveitase os nosos valores e que servise para promocionar directamente os nosos cociñeiros e restaurantes". Para conseguir ese obxectivo, lembrou, partiuse dos tres grandes valores gastronómicos de Santiago: o Mercado de Abastos, o produto galego e os cociñeiros da cidade.

Obxectivos cumpridos
Rematada a primeira edición de Compostela Gastronómica, Agustín Hernández, estimou que se cumpriron os obxectivos marcados, tanto cuantitativos como cualitativos. Así, salientou que nas charlas de cociñeiros e nos obradoiros de cociña participaron máis de 1.300 persoas, superando nun 30% a meta fixada inicialmente.

Nas catro xornadas do Espazo Gastro houbo un gran movemento de xente no Mercado. Finalmente, rexistráronse 4.000 consumicións, moi por riba tamén das primeiras estimacións. En especial destacou a afluencia do sábado 27 de setembro.

En calquera caso, e máis alá das cifras de participación, o alcalde quixo recalcar que "o evento conseguiu o seu obxectivo real: consolidar ao Mercado de Abastos como o centro neurálxico do produto galego de calidade e promocionar aos nosos cociñeiros e restaurantes". Por iso, agradeceu o traballo de "moita xente", pero en especial, de "todas as persoas que fan do Mercado de Abastos un recinto único e tamén o traballo de todos os cociñeiros que colaboraron no evento e que fixeron que fose un éxito".

Para Agustín Hernández, este éxito de Compostela Gastronómica tamén avala o destino que terá a nave 5 do Mercado de Abastos, "adecuado á demanda e ás posibilidades de desenvolvemento" dunha instalación que permitirá diferenciar o espazo de degustación do espazo e venda.

Compartir: