ALCALDÍA

O alcalde transmite o "apoio máis firme e decidido" do Concello ao Obradoiro

01/10/2014 O alcalde compostelán asistiu á presentación oficial do Río Natura Monbus Obradoiro, celebrada na Cidade da Cultura. Agustín Hernández transmitiulle a directivos, técnicos e xogadores o "apoio máis firme e decidido a este club, que é historia e referencia da nosa cidade, do baloncesto de Galicia e de España".

Tras lembrar algúns momentos da historia do Obradoiro, o alcalde referiuse a esta cuarta temporada consecutiva do club na máxima competición do baloncesto español, "unha competición na que o Obradoiro se volverá a medir con equipos con maiores recursos e con maiores orzamentos". "Niso certamente non poderemos competir, pero ningún deles terá máis forza e máis talento que este Obradoiro, que vai contar coma sempre co respaldo incondicional dos seus seareiros, entre os que me atopo", dixo.

Deu a benvida aos novos xogadores do club e tivo especiais palabras para Moncho Fernández, un adestrador que "é modelo de profesional e de persoa, que parece que nacera na NBA, pero que é galego e santiagués de corazón". Por suposto, tampouco se esqueceu da afección, "unha marea de fieis que, cada partido, fan do Multiusos de Sar a catedral do baloncesto de Galicia".

"Con esa forza, con esa unidade e co apoio de todos, o Obradoiro pode seguir facendo historia no baloncesto, representando con todo merecemento e dignidade o nome de Santiago e de Galicia, en toda España e alí onde xogue o mellor equipo galego de todos os tempos", concluíu Agustín Hernández.

Compartir: