CULTURA

"Velada (didáctica) cas vangardas" dentro das Xornadas de Música Contemporánea

03/10/2014 Tras a inauguración das Xornadas de Música Contemporánea este venres, cun concerto da Real Filharmonía de Galicia dirixida por Jonathan Webb no Auditorio de Galicia, a música contemporánea achegarase á rúa este sábado 4 de outubro nunha xornada especial chea de música que comezará e rematará na praza das Praterías. Trátase dunha singular, variada e escenográfica proposta na que participan unha representativa parte dunha activa e decidida xeración de músicos e agrupacións, uns 20, que dende Galicia miman a difusión da música actual. Será ás 21:30 horas na praza das Praterías, Casa do Cabido e Museo da Cidade. Previamente, ao longo do día teremos un aperitivo minimalista tamén nas Praterías e no CGAC con Ensemble Ixor e Elisa Vázquez Doval.

A xornada do sábado comezará ás 13:00 horas coa interpretación dunha obra representativa do minimalismo de Terry Riley a cargo do Ensemble IXOR. Durante a tarde a acción trasládase ao Centro Galego de Arte Contemporánea para unha nova intervención dos mozos compoñentes do Ensemble IXOR ás 18:30 horas e unha viaxe ao tradicional e innovador afastado Oriente conducidos polo piano Elisa Vázquez Doval ás 20:00 h. Xa ás 21:30 horas, comezará o acto principal na praza das Praterías, Casa do Cabido e Museo da Cidade. Alí, 20 músicos improvisarán e interpretarán obras de variados autores nun espectáculo singular. O acceso a todos os concertos deste sábado día 4 será libre ata completar o aforo.


No ano 2012, e tras 13 anos sen actividade, renacen en Santiago de Compostela as Xornadas de Música Contemporánea co obxectivo de fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación en música contemporánea. Este ano celebramos a terceira edición desta segunda etapa (o Auditorio de Galicia e o Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC, foron sedes durante unha década nos anos noventa do pasado século daquelas primeiras xornadas), na que se mantén a mesma liña de traballo e colaboración institucional con que arrincaron froito da iniciativa, coordinación e promoción da Universidade de Santiago, o CGAC e o Concello de Santiago.

Dende o 2013, as Xornadas de Música Contemporánea de Santiago manteñen o determinante apoio para a súa organización, programación, crecemento, difusión e proxección do Centro Nacional de Difusión Musical, CNDM, e do Instituto Nacional das Artes Escénicas e a Música, INAEM. A iniciativa conta ademais coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura e coas substanciais achegas do Consorcio de Santiago e do Consorcio para Promoción da Música da Coruña, sen cuxa xenerosidade non sería posible a presenza das dúas magníficas orquestras galegas: Real Filharmonía de Galicia e Orquestra Sinfónica de Galicia protagonizan os tres concertos sinfónicos desta edición que terán lugar no Auditorio de Galicia.

Compartir: