DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O CIAC inicia un ciclo de relatorios divulgativos e exposicións sobre a biodiversidade na cidade

30/09/2014 Este sábado 4 de outubro, coincidindo co Día das Aves, o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC), inicia un ciclo de relatorios divulgativos e exposicións sobre a biodiversidade na cidade. Celebraranse de outubro a febreiro.

Segundo datos de 2013 o Concello de Santiago de Compostela conta con 2.276.500 metros cadrados de superficie con zonas verdes, o que a sitúa como unha das cidades con maior ratio m2 / habitante de España. Nestes espazos atopan acubillo unha morea de especies tanto de flora como de fauna, o que fai de Santiago unha cidade cun alto grao de biodiversidade dentro do que é un entorno urbano.

"Que paxaro será ese? estará de paso?... esas ras como chegarían aquí?, estes cogomelos serán comestibles?, cantas especies de morcegos podemos atopar na cidade?". Quen non se fixo algunha vez algunha destas preguntas, ou outras semellantes, paseando por algún dos parques de Compostela.

Durante os vindeiros cinco meses no CIAC tentará dar resposta a estas e outras preguntas co ciclo de relatorios divulgativos e exposicións "Biodiversidade na cidade", nos que tratará sobre algunhas das especies máis interesantes coas que compartimos a cidade.

O ciclo terá lugar de outubro a febreiro. Os relatorios serán cinco, un cada mes, e neles o CIAC contará con relatores de primeira liña que nos achegarán as marabillas das aves, os cogomelos, os anfibios, os réptiles, e algúns mamíferos, entre os que haberá un relatorio específico dedicado aos morcegos urbanos.
Así mesmo, ao longo destes cinco meses, haberá dúas exposicións cedidas polo CEIDA: Aves de Galicia (do 4 ao 19 de outubro) e Galicia, Biodiversidade (do 27 de decembro ao 1 de febreiro).

E que mellor xeito de comezar este ciclo que no Día das Aves, xornada na que a Sociedade Española de Ornitoloxía programou un feixe de actividades en diversas partes de España. O CIAC únese a esta iniciativa cunha actividade o sábado 4, ás 17:00 horas, da man do biólogo e experto ornitólogo Xabier Vázquez Pumariño, que será quen nos achegue ao apaixonante mundo das aves co relatorio As aves en Santiago de Compostela, tras o que, se o tempo o permite, se realizará unha observación de paxaros pola contorna do CIAC. Compre lembrar prismáticos.

Tamén o sábado inaugurarase a exposición Aves de Galicia e toda a fin de semana haberá unha mesa informativa sobre o traballo levado a cabo pola Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO).

Todas as actividades son de balde, máis dado que o aforo para os relatorios é limitado, terán preferencia as persoas inscritas. A inscrición pode facerse nesta ligazón ou chamando ao teléfono 981 543 145.

Toda a programación detallada e máis as novidades podedes atopalas na web do CIAC e máis no evento específico creado no Facebook.

Compartir: