XUVENTUDE

MúsicaXove premiará por sétimo ano a creatividade dos grupos e artistas emerxentes

30/09/2014 O Departamento de Xuventude convoca o Vll Certame MúsicaXove co obxectivo de promocionar, impulsar e canalizar a creatividade musical da mocidade. O prazo de inscrición no certame estará aberto ata o 31 de outubro.

A concelleira de Xuventude, María José Corral, presentou MúsicaXove’14, un certame dirixido a artistas emerxentes –grupos ou solistas- de Santiago ou do resto de Galicia, que non superen os 35 anos. Os participantes non poderán ter editado, agás en autoedición, nin ter relación contractual con empresa discográfica. Valorarase o emprego da lingua galega nos textos ou en calquera elemento promocional.

Haberá un concerto final en directo na Sala Capitol de Santiago, previsto para o vindeiro 28 de novembro, cun mínimo de catro grupos ou solistas participantes e, finalmente, editarase un disco compacto coas participación dos catro finalistas do Certame, coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude..

O primeiro premio de MúsicaXove’14 está dotado con 2.500 euros e o segundo con 1.100 euros. Outorgarase tamén un premio especial do xurado de 500 euros.

Na pasada edición participaron un total de 37 grupos, resultando gañador o grupo Hellorice, de Santiago de Compostela. O segundo premio levouno Turboláser, de Pontevedra, e o galardón especial do xurado foi para Persé, tamén de Santiago. Os outros finalistas foron Neko & Daso, de Poio.

María José Corral enmarcou este certame na liña de apoio que en materia musical vén mantendo coa mocidade o Concello compostelán. Así, os grupos e solistas teñen á súa disposición dúas salas independentes para ensaios, onde contan con material básico para a práctica musical. Ademais, realízase un labor de promoción e difusión das súas actividades e concertos, ben organizados pola Concellería de Xuventude ou a través de colaboracións con outras institucións, colectivos, salas de concertos, empresas ou outros axentes.

Documentos relacionados



Compartir: