TURISMO

O escritor Javier Ozores conduciu o obradoiro "Merco, cociño e como con..." no festival Compostela Gastronómica

26/09/2014 O obradoiro Compro, cociño e como con... abriu o programa de actividades do venres en Compostela Gastronómica, I Festival da Cociña Galega. Xunto a Javier Ozores, escritor gastronómico, produtor cinematográfico e membro da Academia Galega de Gastronomía, os participantes achegáronse a facer unha compra en Gadis —patrocinador da actividade—, para despois cociñar e finalmente degustar uns pratos escollidos por el e pola cociñeira que o acompaña, Gabriela Araujo. Trátase de varios pratos de cociña tradicional, pero cunha historia especial que o escritor descubriu ao longo deste singular curso de cociña, que se repetirá mañá sábado ás 18:00 horas.

No Espazo Gastro, ao igual que na pasada xornada do xoves e na deste sábado, algúns dos restaurantes que forman a ruta de Menús de Mercado ofrecen creativas propostas en formato tapa e media porción. Castelao, Acio, O Celme do Caracol, Los Caracoles, A Curtidoría, Caney, Café de Altamira, O Curro da Parra, Café Candelas e Estrella Galicia estiveron presentes nesta xornada. Da ambientación musical en directo ocupáronse o DJ Javier Rial e Lou Reyes & Los Rockin Corsarios.

Xa pola tarde, ás 16:30 horas, a Aula Gastronómica do Mercado de Abastos acollerá un obradoiro de fotografía gastronómica con dispositivos móbiles e apps impartido polo fotógrafo madrileño Javier Peñas, responsable de numerosos proxectos editoriais para chefs tan importantes como Paco Torreblanca, Paco Roncero, Joan Roca, Ramón Freixa ou Juan Mari Arzak, entre outros.
José Luis Vaz, propietario e fundador da gandería ecolóxica Outeiro, en Riós (Ourense), e xerente do Centro de Desenvolvemento Cooperativo Biocoop, amosará ás 18:00 horas a importancia dos cultivos ecolóxicos no obradoiro A Biodinámica, harmonía e caos.

Para pechar o programa de actividades da xornada, ás 19:30 horas celebrarase un obradoiro conducido polo Premio Nacional de Coctelería Diego Mosquera, vicepresidente de AGABA (Asociación Galega de Barmen) e co-propietario do Vaová Gastro Gin Bar de Santiago. Mosquera, cualificado coma "o Ferrán Adriá da coctelería", descubrirá aos participantes as múltiples posibilidades que ofrecen os produtos da Praza de Abastos na elaboración dos máis variados cócteles.

Compostela Gastronómica está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cun sinal de identidade diferenciado: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa.

Direcciones relacionadas



Compartir: