ALCALDÍA

O Certame MúsicaXove promove por sétimo ano a creatividade musical na xuventude

26/09/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, deu conta da aprobación pola Xunta de Goberno das bases que rexerán a nova convocatoria do Certame MúsicaXove’14. O certame, que alcanza a súa sétima edición, segue promovendo, impulsando e canalizando a creatividade musical na xuventude.

Agustín Hernández enmarcou o certame MúsicaXove na liña de apoio e colaboración que en materia musical vén mantendo coa mocidade o Concello compostelán. Así, destacou a posta a disposición dos mozos e mozas en San Lázaro de dúas salas independentes para ensaios, dotadas como material básico para a práctica musical, así como o labor de promoción e difusión das súas actividades e a realización de concertos.

O Certame abrirá o seu prazo de inscrición o vindeiro luns, 29 de setembro e pecharao o 31 de outubro. Está dirixido a artistas emerxentes –grupos ou solistas- de Santiago ou do resto de Galicia, que non superen os 35 anos. Os participantes non poderán ter editado, agás en autoedición, nin ter relación contractual con empresa discográfica. Valorarase o emprego da lingua galega nos textos ou en calquera elemento promocional.

Haberá un concerto final en directo na Sala Capitol de Santiago, previsto inicialmente para o vindeiro 28 de novembro, cun mínimo de catro grupos ou solistas participantes e, finalmente, editarase un disco compacto coas participación dos catro finalistas do Certame.

O primeiro premio de MúsicaXove está dotado con 2.500 euros e o segundo con 1.100 euros. Outorgarase tamén un premio especial do xurado de 500 euros.

Convenios culturais
O Goberno municipal acordou a sinatura de catro novos convenios con entidades culturais que desenvolven a súa actividade no ámbito municipal. Os destinatarios destes convenios a Fundación Rosalía de Castro, que recibirá unha subvención de 3.825 euros; o Ateneo de Santiago, con 3.400 euros; o Padroado da Casa da Troia, con 3.600 euros; e a Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque, que recibirá 8.000 euros.

En total, son 18.825 euros, que servirán para sufragar gastos de funcionamento e de actividade destas catro asociacións ao longo do actual ano 2014. Os convenios asinaranse en breve coas respectivas entidades.

Actividades nos centros socioculturais
A Xunta de Goberno tamén tomou en consideración a sinatura en xuño de dous convenios coa Deputación da Coruña para o financiamento de actividades nos centros socioculturais. Mediante o primeiro deles, o organismo provincial achega 140.000 euros (o Concello contribúe con outros 35.000 euros) para atender os custos de varios programas de animación e dinamización dixital, de formación permanente e outros de carácter estacional (como os denominados Vive o verán ou Vive o Nadal) nos centros socioculturais do rural. O período contemplado para a realización destes programas é do 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de maio de 2015.

En virtude do segundo convenio, a Deputación achega un máximo de 144.000 euros para contribuír ao financiamento do 80% do orzamento de gastos de persoal do Centro Sociocultural do Ensanche: tres conserxes, dúas animadoras socioculturais e un auxiliar administrativo. O acordo afecta ao período entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de maio de 2015.

Estes dous convenios teñen a súa orixe na cesión no seu día de cinco locais veciñais construídos pola Deputación no rural do Concello (os destinados ás asociacións veciñais de Nosa Señora de Belén, Santa Cristina de Fecha, Santa María de Villestro, A Rocha e Ruta Xacobea), así como do local do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, situado na rúa Frei Rosendo Salvado. No marco daquela cesión iniciouse unha liña de colaboración económica para a realización de actividades e programas que se mantén na actualidade.

Documentos relacionados



Compartir: