SERVIZOS SOCIAIS

A Unidade de Atención ás Migracións organiza seis obradoiros prácticos de cociña internacional de setembro a decembro

23/09/2014 A concelleira de Servizos Sociais, María José Corral, acompañada pola responsable da Unidade Municipal de Atención ás Migracións (UAMI), Carmen Peñamaría, presentou A cociña do meu veciño, un programa de seis obradoiros prácticos de cociña internacional que se realizarán de setembro a decembro.

Os obradoiros terán unha duración de tres horas cada un. Neles, os participantes elaborarán un menú completo (primeiro prato, prato principal e sobremesa) seguindo as indicacións da persoa representante de cada nacionalidade. Posteriormente degustaranse os pratos e celebrarase unha charla-coloquio.

Estes obradoiros celebraranse de 19:30 a 22:30 horas nas instalacións do taller de cociña Hello Cooking (rúa Sar, 96, baixo). As datas e países protagonistas de cada obradoiro serán: 30 de setembro, Palestina; 17 de outubro, Polonia; 31 de outubro, Venezuela; 14 de novembro, Brasil; e 28 de novembro, Rusia. Queda por determinar o día de decembro no que se realizará o obradoiro dedicado a Perú.

Inscrición e doazón ao Banco de Alimentos
A inscrición é gratuíta, se ben se lle solicitará a cada participante que faga unha achega de produtos para o Banco de Alimentos. A inscrición pode facerse por correo electrónico na seguinte dirección: migracions@santiagodecompostela.gal. Terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Santiago e a selección farase por rigorosa orde de inscrición.

Os interesados deben remitir á devandita dirección de correo electrónico os seus datos: nome completo e apelidos, número de DNI ou NIE e número de teléfono de contacto. Deben sinalar se están empadroados no Concello de Santiago. O número de prazas é limitado ao aforo do taller.

Relación de obradoiros, relatores e receitas:

- 30 de setembro: PALESTINA, con Nisreen Shakhsa. Ensalada Fattoush, Mosajan (polo especiado con pan de tortiña) e Paqlava.
- 17 de outubro: POLONIA, con Katarzyna Jablonska. Raviolis polacos de col fermentada, setas e carne picada, Lombo recheo de cirolas pasas acompañado por pataca cocida con fiúncho fresco e ensalada de cruezas e Torta de mazá ao estilo polaco.
- 31 de outubro: VENEZUELA, con Silvia Carnero. Entrantes ou "pasapalos" (nome que se utiliza en Venezuela) Tequeños, Pabellón Criollo e Bien me sabe.
- 14 de novembro: BRASIL, con María Victoria Martins Cruz.. Cuscús à paulista (São Paulo; pastel de fariña de millo, sardiñas ou atún e legumes), Camarões à baiana (Bahía; caldeirada de camaróns ou lagostinos e leite de coco, acompañado de arroz branco) e Mousse de manga, brigadeiro de cacau e café.
- 28 de novembro: RUSIA, con Elena Sherevera (menú por determinar).
- 1ª semana de decembro: PERÚ (pendente de concretar día, relator e receitas).

Compartir: