TURISMO

Santiago promociónase en Brasil e Xapón

22/09/2014 Turismo de Santiago participa nesta semana nas principais feiras turísticas de Brasil e Xapón, a ABAV e a JATA respectivamente. Brasil e Xapón son dous países nos que cada vez hai un maior coñecemento e interese polo Camiño de Santiago e por Santiago. Brasil sumou no ano 2013 máis de 2.400 peregrinos e Xapón máis de 6.000 pernoctacións nos hoteis de Santiago, datos que reflicten o peso que poden ter ambos mercados na cidade.

O Camiño de Santiago é coñecido en Brasil principalmente por Paulo Coelho. No ano 1986 o escritor fixo o Camiño de Santiago, unha experiencia que marcou a súa primeira novela O Peregrino de Compostela (Diario dun Mago), que publicou ao ano seguinte e que foi e continúa sendo unha novela que atrae a milleiros de persoas ao Camiño de Santiago.

No pasado agosto estreouse en Brasil a película Nao pare a pista, baseada na vida e obra do autor, e na que se rodaron escenas en diferentes localizacións de Santiago, coa colaboración da Santiago de Compostela Film Commission: Avenida das Burgas, Sanatorio da Nosa Señora da Esperanza, Costa do Cristo, Praza do Obradoiro, Hostal dos Reis Católicos, Rúa do Vilar e Café Casino.

A ABAV, organizada pola Asociacion Brasileira de Axencias de Viaxes, celebrarase do 24 ao 28 de setembro en Sao Paulo. Antes, Turismo de Santiago fará dúas presentacións da cidade a touroperadores e xornalistas especializados dentro das accións de promoción de Turespaña no país. A primeira será en Belo Horizonte na tarde do luns 22 e a segunda o martes 23 en Ribeirao Preto.

Xapón
Santiago reúne unha serie de atractivos, como a espiritualidade, a calidade dos peixes e mariscos da gastronomía galega ou o contacto coa natureza no Camiño de Santiago, que converten a cidade nun destino turístico con moito atractivo para o mercado xaponés, como demostraron as visitas nos últimos meses do seu príncipe herdeiro, Naruhito, e do seu primeiro ministro, Shinzo Abe, que ademais supuxeron un importante impulso promocional para a cidade no país nipón.

Santiago ten ademais fortes vínculos co Camiño de Kumano e a cidade de Tanabe, coa que leva anos colaborando na promoción conxunta de ambos camiños de peregrinación que, pese a distancia e as diferencias culturais, teñen entre sí importante puntos de unión, como a busca dun mesmo en contacto coa natureza.

Turismo de Santiago participará na JATA, que se celebrará en Tokio entre o 25 e o 28 de setembro. A feira está organizada pola Asociación de Viaxes Xaponesa. Nesta feira Turismo de Santiago conta coa colaboración de Turkish Airlines, que mellorou a conectividade do país asiático grazas a conexión diaria entre Santiago e o seu hub de Estambul.

Compartir: