CULTURA

Curtocircuíto reunirá en Compostela grandes nomes do cinema internacional

22/09/2014 Curtocircuíto, Festival Internacional de Curtametraxes, mostrará máis de 120 filmes entre o 6 e o 11 de outubro, a proxectarse no Teatro Principal e na Zona C. Baixo a xestión de Pela del Álamo, o Festival propón un novo modelo compacto, de calidade, e con vocación internacional.

O certame reordena as seccións para pasar dunha división territorial a outra conceptual. Así, a sección oficial, que pretende ser diversa e recoller todas as tendencias do cinema, divídese en dous programas: Radar e Explora. Este último é xa un clásico de Curtocircuíto. Centrada na procura de novas caligrafías fílmicas, esta sección inclúe pezas dificilmente catalogables nun xénero, obras que rdilúen a idea tradicional do cinema mediante a exploración de sendas innovadoras e as hibridacións próximas ao documental ou ao cinema de vangarda.

Pola súa banda, Radar é unha sección creada para acoller unha variada selección dos títulos que marcan tendencias a nivel internacional, tanto na ficción como na animación ou o documental. Cineastas experimentados conviven con novos realizadores aos que Curtocircuíto quere dar visibilidade.

En esencia, a diferencia entre Radar e Explora radica no grao de exploración formal e narrativa das propostas incluídas en cada sección, como se un termómetro do nivel de experimentación, partido á metade, marcase a clasificación.

A filosofía do festival defínese tamén a través dos xurados. Os membros do xurado
internacional Radar son o produtor galego de cinema independente Felipe Lage (Zeitun Films); a directora e produtora catalá da exitosa La plaga, Neus Ballús; a actriz fetiche dos cineastas modernos portugueses, Ana Moreira (Tabú); Tim Redford, antigo director de Curtocircuíto, agora coordinador da selección internacional no festival de Clermont-Ferrand, o máis importante certame de curtas de Europa; e a estrela da nova crítica internacional Adrián Martin, co-autor do influínte e reverenciado libro Mutacións do cinema contemporáneo.

Aproveitando a súa visita, Martin ofrecerá ademais, xunto con Cristina Álvarez, no xurado Explora; unha charla aberta ao público sobre o ensaio audiovisual, que ambos os dous – traballan xuntos este formato – conciben como unha nova forma de facer crítica. Ballús e Lage tamén participarán nunha mesa redonda sobre modelos de produción no cinema de autor, xunto ao produtor catalán de Eddie Saeta Luis Miñarro, responsable de títulos de prestixio internacional como a premiada en Cannes El tío Boonme recuerda dus vidas pasadas (Apichatpong Weerasethakul, 2010).

O xurado internacional Explora non está menos nutrido. Compóñeno Cristina Álvarez, co-editora de Transit, unha das publicacións especializadas máis renovadoras da crítica cinematográfica en España; o cineasta vigués Lois Patiño, que vén de percorrer o mundo coa súa multipremiada longa Costa da Morte; o realizador venezolano Andrés Duque (Color perro que huye); a catedrática da USC e membro da Real Academia Galega Margarita Ledo; e o realizador ao que se lle dedica unha retrospectiva, Mike Hoolboom, referencia absoluta do cinema de vangarda internacional. Primeiro ciclo en España destas características, descubrirá aos composteláns un cineasta enérxico e vitalista. Hoolboom impartirá unha clase maxistral sobre os seus métodos.

Gabriel Abrantes, un neno moi malo
Amais de traer a Compostela grandes lendas do cinema, Curtocircuíto quere tamén dar a descubrir as novas promesas do cinema en formato curto. Por esta razón, crea a sección Púlsar, dedicada a mostrar o traballo de directores emerxentes.

Nesta primeira edición, o luso Gabriel Abrantes mostrará sete películas da súa extensa produción, con 15 curtas dende 2008 e numerosos vídeos que foron exhibidos en importantes centros de arte contemporánea, coma o Serralves de Porto ou o Museo de Arte Moderna de París.

Nado en Carolina do Norte en 1984, cunha educación entre europea e norteamericana, Abrantes cursou os seus estudos superiores en Francia. É a partir da súa experiencia na prestixiosa escola parisiense Le Fresnoy, en 2007, que comeza a moverse do mundo da arte ao cinema, trabando amizade con outros directores europeos definitorios da súa xeración. Non houbera se cadra unha tan continental no noso contexto dende os mellores tempos do cinema moderno.

Un festival para toda a cidadanía
Fóra das seccións competitivas e destes dous ciclos a cineastas, que de seguro
agradarán a todos os cinéfilos; o certame quere chegar a todo tipo de públicos, abrindo a súa programación a diversos colectivos da cidade. É por iso que programa sesións específicas para rapaces e adolescentes, para que estes aprendan a amar o cinema dende cativos. As seccións Criaturas e 14_17 cumpren esa función. Organizaranse en colaboración cos centros escolares, que encherán o Teatro Principal de nenos famentos de bo cinema; e na fin de semana poderán repetir xunto cos pais, indo en familia, en sesións abertas a todo o público.

Os máis malandríns contarán tamén co seu espazo na Noite Malandra, sesión canalla cas curtas máis atrevidas e divertidas. Un programa deseñado dende o humor e a troula, para aqueles espectadores que desexen fuxir por un momento do cinema máis transcendental doutras seccións. Penínsulas enténdese como sección panorámica que recolle interesantes filmes lusos e españois da tempada. Un conxunto diverso que non busca unha liña definida alén do interese de cada obra en si mesma.

A todas estas seccións paralelas, súmanse un par de sesións especiais. Camping é perfecta para esta tempada pos-estival. O equipo de programación detectou unha serie de curtas variadas de temática diversa, todas situadas neses estraños lugares que son os cámpings. O lecer, os campamentos de verán, a política, a vida… Todo é posible nesas comunidades efémeras, que recollen as propostas incluídas nesta sesión. Pola súa banda, Blank Paper é un programa composto por pezas audiovisuais feitas por fotógrafos do colectivo homónimo, nas que exploran formas de narrar que xiran arredor de imaxes estáticas ou/e dinámicas; en torno á cuestión do tempo ou do non-tempo; do movemento ou da ausencia deste.

Estes programas paralelos estarán acompañados doutras actividades como obradoiros, presentacións, mesas redondas e seminarios; que pretenden ser espazo de encontro para o sector audiovisual e, ao tempo, lugar de exploración dos cinéfilos que desexen entender como se fai o cinema por dentro. Isto, unido a exposicións e concertos, completa unha extensa programación de Curtocircuíto, para públicos diversos, repartida entre o Teatro Principal, a Zona C, o CGAC e a sala de concertos Capitol.

Direcciones relacionadas



Compartir: