ALCALDÍA

Os camiños de Santiago e de Kumano continúan estreitando lazos

21/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, reuniuse co responsable de promoción do Camiño de Kumano, Brad Towle, aproveitando a presenza deste último no Congreso de Peregrinacións celebrado en Compostela, no que actuou como relator.

Na reunión abordaron os avances que se están a realizar para estreitar os lazos de colaboración e de promoción conxunta de ambas rutas, os dous únicos itinerarios de peregrinación recoñecidos como Patrimonio da Humanidade. Entre esas iniciativas de colaboración atópase o pasaporte dual, un documento que servirá como credencial para os peregrinos que, cada vez en maior número, están a percorrer ambos camiños.

O Camiño de Kumano foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2004. Convertíase así na segunda ruta de peregrinación do mundo en conseguir este recoñecemento despois do Camiño de Santiago, que o obtivera xa no ano 1993. A partir dese momento comezaron as relacións entre Tanabe e Santiago, as cidades de referencia de ambos camiños, que se foron afianzando co tempo e se concretaron en diferentes convenios de colaboración para a súa promoción conxunta. Precisamente este verán, o Concello de Santiago participou nos actos de celebración do décimo aniversario desta Declaración do Camiño de Kumano como Patrimonio da Humanidade, atendendo unha invitación do alcalde de Tanabe, Mitsutoshi Manago

A colaboración entre Tanabe e Santiago fíxose aínda mais profunda nos últimos tempos, xa que en ambos concellos se quere aproveitar tanto a conexión de Turkish Airlines entre e Santiago e o seu hub de Estambul, que facilita as conexións entre Galicia e Xapón, como a celebración do ano Dual España – Xapón, que celebra o 400 aniversario da primeira misión diplomática nipona que chegou a España e que se converteu nun escaparate para amosar o Camiño de Santiago no país oriental, como demostraron as visitas á Santiago tanto do príncipe herdeiro como do primeiro ministro.

Compartir: