CONSORCIO

Un silledense de 24 anos, novo violoncellista da Real Filharmonía de Galicia

16/09/2014 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) convocou un proceso selectivo para cubrir unha praza de violoncello. Os aspirantes pasaron por unha primeira rolda eliminatoria mediante currículo, na que o tribunal valorou a súa experiencia laboral e profesional. Os candidatos que superaron esta fase tiveron que someterse a unha audición, á que concorreron un total de 24 músicos. O posto conseguiuno finalmente Millán Abeledo Malheiro, natural do concello pontevedrés de Silleda.

"Para min foi unha gran sorpresa porque estou a estudar en Alemaña e decidín presentarme por casualidade; era a miña primeira proba, e, ao final, saíu ben", sinala o violoncellista. Salienta que "incorporarme a unha orquestra profesional como a Real Filharmonía, ao ser galego, é algo que sempre vivín como un soño, e agora máis que nunca porque a música está nun mal momento".

"Teño moitas ganas de empezar, de facelo o mellor posible e de aprender moito. Algúns dos que agora van ser os meus compañeiros foron no seu día os meus mestres e eran un exemplo para min. Vai ser moi especial. Para min é todo un regalo", indica.

Un violoncellista novo cunha longa traxectoria profesional
Millán Abeledo naceu en 1990. Con oito anos ingresou no Conservatorio de Lalín. Continuou os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Aragón, onde se graduou con matrícula de honra, e perfeccionouse en Madrid na Escola Superior de Música Raíña Sofía, recibindo as máis altas cualificacións. Dende hai dous anos estuda na Escola de Música de Lübeck, en Alemaña, onde tocou nas salas máis prestixiosas.

Entre outros galardóns, en 2001 gañou o Concurso Nacional de Violoncello da Asociación de Violoncellistas de España. En xuño deste ano obtivo o primeiro premio no Concurso Internacional Santa Cecilia en Porto, o que lle permitiu dar tres concertos en Portugal e un en París, ademais de gravar un disco.

Con 14 anos, Millán accedeu á Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia. Así mesmo, participou en varios programas coa Orquestra de Cadaqués, a Orquestra de Cámara Raíña Sofía, a Orquestra Sinfónica Freixenet e a Xove Orquestra Nacional de España. Interveu en programas didácticos de TVE e integrou diferentes agrupacións musicais.

Compartir: