CULTURA

O Concello de Santiago e AGADIC presentan o Bono de Teatro Galego 2014

15/09/2014 Por vez primeira este 2014 ponse á venda un bono conxunto con toda a oferta teatral galega dos dous principais espazos escénicos teatrais da cidade, o Teatro Principal e o Salón Teatro. Esta iniciativa foi presentada pola concelleira de Cultura, María Antón, acompañada de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e de José Victor Carou, director xerente do Auditorio de Galicia.

O Bono permitirá asistir a cinco funcións de teatro galego a escoller entre toda a oferta teatral galega programada para o 2014. No folleto promocional que está a disposición do público nos teatros, auditorios e oficinas de turismo da cidade, aparecen as obras que inclúe. Trátase de 10 novos espectáculos (máis de 30 representacións) que se representarán ata o mes de decembro. Serán no Teatro Principal e no Salón Teatro, ademais das propostas máis alternativas na Zona C. O prezo será de 35 euros, o que supón un 30% de desconto sobre o prezo habitual da entrada de 10 euros. Os bonos están á venda na billeteira do Teatro Principal (18:00-21:00 h, de martes a sábado) e, os días de espectáculo, no Salón Teatro (2 horas antes da función).

O Bono ofrece unha oferta que pretende ser acicate para o goce dunha programación na que o público poderá escoller entre as diversas propostas que as compañías galegas e portuguesas traerán a Compostela. Boa parte das mellores compañías galegas estarán presentes de novo neste trimestre no Teatro Principal e no Salón Teatro. No Principal comezará a temporada con A idade de Pavía, a última produción de Sarabela Teatro, dirixida por Ánxeles Cuña, o xoves 18 de setembro, e D.E.P., un texto de Jordi Sánchez e Pep Antón Gómez que leva a este escenario Malasombra Producións (mércores 24 de setembro).

En outubro, o Principal acollerá a estrea absoluta W.C.ircus (desperta!), un espectáculo de novo circo que afonda na identidade individual (30 de outubro). A compañía Il Maquinario Teatro, dirixida por Tito Asorey, presentará no Principal Perplexo, unha comedia do audaz Marius von Mayenburg estreada en Berlín en 2010 (3 decembro). Os días 10 e 11 de decembro, a compañía Chévere pecha o ciclo galego do espectáculo Eurozone dous anos despois de iniciar o proxecto, un pastiche no que mesturan referencias a Reservoir Dogs coa linguaxe publicitaria, os casinos on-line, os bailes de salón e o argot económico que asolaga as nosas vidas. O trimestre remata no Teatro Principal co primeiro espectáculo da compañía coruñesa Tuerka Teatro, a comedia O xardín das pernas roubadas, que escribe e dirixe Xoan Carlos Mejuto. Será o 16 de decembro.

No Salón Teatro, a compañía Voadora será a primeira en subir a escena para presentar, dirixida por Marta Pazos, A Tempestade (do 2 ao 17 de outubro, 10 funcións de xoves a domingo), unha peza na que Voadora bebe de todas as fontes posibles, unha auténtica biografía non autorizada e un rockumental de entrevistas a monstros de cores sobre a banda que Shakespeare nunca tivo, pero que deixou a mellor discografía completa xamais publicada.

A Zona C volve acoller de novo ás propostas escénicas máis alternativas. A primeira será O pack cósmico, de Mario Iglesias, unha triloxía cómica de microteatro da compañía pontevedresa Bértola Teatro Desmontable (3 funcións os días 19, 20 e 21 de setembro). Dende o mércores 24 e ata o domingo 28, Carlos Neira e Paula Ballesteros protagonizarán a estrea absoluta de Despois do Tranvía, unha versión da obra de Tenesse Williams Un tranvía chamado desexo no que formulan conflitos universais e actuais. En decembro terá lugar a posta en escena de Pan! Pan!, de Areta Bolado, Noelia Fernández e Ailén Kendelman, obra gañadora do 1º Premio Xuventude Crea 2013, no que oito personaxes conforman unha comedia con música vocal en directo que parodia aos westerns americanos (10, 11, 12, 13 e 14 de decembro).

Direcciones relacionadas



Compartir: