ALCALDÍA

O alcalde agradece a elección de Santiago para a terceira edición da Taiwan Excellence

14/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, acompañado polas concelleiras Reyes Leis e Marta González, asistiu á inauguración na praza do Obradoiro de Taiwan Excellence e participou na entrega dos galardóns á Excelencia ao Deporte. Con motivo da chegada a Santiago da Volta Ciclista a España, dende as 10:00 ás 20:00 horas, Taiwan Excellence ofrece unha xornada de exhibición, gratuíta e aberta a todo o público, para dar a coñecer a excelencia dos produtos da industria taiwanesa.

Agustín Hernández deu a benvida á representación de Taiwan, presente en Santiago para "darnos a coñecer unha mostra da súa cultura e da súa importante produción industrial, que ocupa un lugar destacado na vangarda tecnolóxica mundial".

Considerou a exhibición como "una boa oportunidade para o coñecemento mutuo e quizais un punto de partida para tratar de establecer unha relación frutífera cara o futuro". Neste sentido, malia ser Galicia e Taiwán realidades distantes, afirmou que se poden atopar puntos de contacto no histórico, no cultural ou no económico. Así, referiuse á vocación mariñeira do país asiático e á "existencia dunha peregrinación relixiosa cuxo ritual foi declarado Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO".

Durante o acto inaugural entregáronse os galardóns á Excelencia no Deporte, que recaeron en David Cal, máximo medallista olímpico español; Óscar Pereiro, gañador do Tour de Francia en 2006; e Constantino Fernández, actual presidente do R. C. Deportivo da Coruña.

O premio Taiwan Excellence, concedido dende 1993, é o máis alto galardón outorgado aos produtos que representan a innovación con gran valor no país asiático.

Compartir: