CULTURA

O tenor alemán Christoph Prégardien inaugura unha nova edición do Ciclo de Lied

15/09/2014 O Teatro Principal acollerá este martes 16 de setembro, ás 20:30 horas, o concerto inaugural dunha nova edición do Ciclo de Lied, un certame único e segundo en antigüidade en España que cumpre 15 anos. O protagonista será o tenor alemán Cristoph Prégardien.

Para celebrar unha edición tan sinalada, o Ciclo presenta un cartel con tres experimentados cantantes, especialistas no xénero e de recoñecido prestixio internacional como Christoph Prégardien e, debutando en Galicia, Laurent Naouri e Dorothea Röschmann. Protagonista de excepción un ano máis é Roger Vignoles, codirector artístico e alma mater dun ciclo ao que está vinculado dende 2003 e ao que imprimiu a súa persoal pegada e unha marca de calidade reflexo da súa experiencia, coñecemento, sensibilidade, dedicación e excepcional agarimo cara a este Ciclo de Lied e a cidade de Santiago.

Christoph Prégardien é un dos especialistas máis sensibles e recoñecidos no lied. O tenor alemán (un dos que mellor recordo deixou na súa primeira participación no Ciclo hai dous anos) volverá despregar a súa veteranía e mestría nunha das páxinas máis emblemáticas do xénero, o ciclo de cancións titulado Die schöne Müllerin. Composto polo pai do lied Franz Schubert, o concepto de ciclo de cancións cunha unidade estrutural e narrativa era daquela, 1823, un concepto novidoso. A fermosa muiñeira está inspirada nos poemas de Wilhelm Müller e converteuse nunha peza mestra do Romanticismo alemán.

As entradas están á venda na billeteira do Teatro Principal e en entradas.abanca.com cun prezo de 8 euros e cun abono para os tres concertos de 18 euros.

Compartir: