ALCALDÍA

A XXIX Semana Cultural de Conxo ofrece un ano máis unha proposta lúdica, festiva e cultural para todas as idades

09/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a concelleira de Centros Socioculturais, María Antón, presentaron a XXIX Semana Cultural de Conxo, que se celebra dende hoxe martes ata o sábado 13 de setembro . O acto celebrouse no Centro Sociocultural Aureligo Aguirre, onde se celebran boa parte das actividade.

Antes de presentar o programa desta edición, o alcalde lembrou a traxectoria desta Semana Cultural que cumpre 29 anos, comezando por aquel ano 1986 no que a Asociación Cultural Arco da Vella organizou a primeira entrega. "Daquela puxéronse os alicerces do que, con pequenas variantes, segue a ser un espazo modélico para a participación e a convivencia, onde se mestura a cultura e o lecer", dixo.

Segundo Agustín Hernández, "esta Semana Cultural é unha boa mostra da importancia do papel que deben xogar as institucións públicas para impulsar e apoiar ás iniciativas veciñais, facendo posible a expresión popular e animando, sen dirixismos e con espírito de colaboración, o labor desinteresado e a prol da colectividade que aquí se manifesta". Ademais, lembrou que o programa, a maiores duns días de lecer e de convivencia, serve a Conxo para "difundir e por en valor a súa dilatada historia".

A Semana Cultural ofrece un ano máis un espazo para o encontro e o lecer á volta das vacacións de verán e entre as festas do barrio de Conxo. Cun obxectivo de participación e de achegamento do equipamento sociocultural, o programa ofrece un calendario lúdico e cultural para todas as idades que se encargou de prensentar a concelleira María Antón.

A imaxe dos carteis e dípticos desta edición é unha fotografía da antiga festa de Conxo, na que se pode ver un grupo de nenos empolicados ao xa desaparecido palco da música. Esta instantánea forma parte do arquivo de fotos antigas dos centros socioculturais e contextualiza unha das principais propostas do programa, a exposición fotográfica Compostela Única, elaborada polo Ateneo de Santiago con imaxes anteriores a 1965. A apertura desta mostra servirá para iniciar esta Semana Cultural de Conxo.

Seguindo coa fotografía, organizouse nesta xornada inicial un taller de fotografía dixital para nenos e nenas. A idea é realizar un traballo de descuberta a través da fotografía, cun labor inicial de campo e a posterior edición con software informático.

A fotografía tamén é un documento para aproximarnos á transformación vivida ao longo do tempo polas cidades. Así, para afondar nos cambios dos espazos urbanos de Conxo, preparouse unha mesa redonda que contará coa presenza de arquitectos/as e representantes do tecido social de Conxo baixo o título A configuración urbana, os espazos urbanos e a participación pública de Conxo. Celebrarase este mércores ás 20:00 horas e contará coa presenza de Yago García e Idoia Camiruaga, do Consorcio de Santiago, e dos presidentes das asociacións veciñais Conxo Aberto e Doutor Maceira, e da Asociación de Comerciantes EspertaConxo. Moderará Elena López, arquitecta e veciña de Conxo.

A mocidade ten unha cita obrigada o xoves cunha masterclass de baile Hip Hop e un concerto con novísimos artistas do xénero como Crosmos, lhputoaK e Anás. Son tres propostas noveis de rapeiros de Conxo e da cidade, pero tamén haberá micro aberto para aqueles mozos e mozas que queiran sumarse.

A oferta para o público infantil inclúe un obradoiro de expresión artística Medra creando, para bebés (sábado 13), e tamén a proposta musical de Pablo Díaz, con Musicanta, destinada a nenos e nenas con idades entre os 4 e os 8 anos (venres 12). Ademais, Pepe Sendón presenta o seu espectáculo de videocreación e música Labirinto de soños (xoves 11). O programa complétase con outras actividades lúdicas e deportivas como o torneo sub-12 de xadrez, a olimpíada divertida, a xincana ciclista ou o espazo de xogo e de lectura.

No plano escénico, a Semana Cultural inclúe a representación de A visita do inspector, de Fina Casalderrei, polo grupo de teatro do CSC, e de A arrincadeira, de Lucho Penabade, a cargo de Andaravía Teatro. A continuación desta segunda sesión teatral, o venres 12, noite de lúa e cine no Psiquiátrico de Conxo, organizada en colaboración coa Asociación Itínera.

A Semana Cultural rematará con baile e música. A festa final incluirá a actuación do grupo tradicional Ximiela de Louro e un baile para maiores co grupo Caché. Xa ás 20:30 horas, pechará o programa desta edición o duo Soncello, cunha proposta musical especial de violonchelo na capela do Cristo de Conxo.

Un barrio participativo e con historia
Pechou o acto de novo o alcalde lembrando a rica historia de Conxo. En particular, referiuse á súa ligazón coa figura de Rosalía de Castro, "nacida nesta parroquia á que lle cantou nos seus poemas", e á figura do poeta Aurelio Aguirre –que lle dá nome a este Centro Sociocultural- un dos principais animadores do chamado Banquete de Conxo.

"Esa importancia de Conxo fixo tamén que aquí se puxera en funcionamento hai xa 21 anos (en 1993) o primeiro centro sociocultural municipal, dos máis de 40 centros socioculturais que ten o Concello de Santiago", lembrou, antes de agradecer "o esforzo e a dedicación de todos que participan na organización e tamén o entusiasmo de todos aqueles que toman parte nas actividades".

Documentos relacionados



Compartir: