TURISMO

Compostela Gastronómica contará con destacados cociñeiros de Santiago

02/09/2014 ‘Compostela Gastronómica’, I Festival da Cociña Galega, incluirá na súa programación un ciclo de relatorios protagonizados por algúns dos máis destacados cociñeiros da hostalaría da cidade, que compartirán protagonismo con reputados cociñeiros galegos e españois. Do 19 ao 28 de setembro, un total de oito chefs locais amosarán as súas experiencias por medio de amenos relatorios e show cookings, demostracións de cociña en vivo.

Lucía Freitas, de A Tafona Casa de Xantar, e Iago Castrillón, do Acio, abrirán este ciclo de relatorios falando acerca de 'A espontaneidade na cociña'. Manel Oliveira, do Castelao, e Siro González, do Calderón, ofrecerán unha conferencia titulada 'Produto, tempo, persoas'. Iago Pazos e Marcos Cerqueiro, do Abastos 2.0, falarán da 'Cociña (do) mercado: quilometraxe’. E Alén Tarrío, do Café de Altamira, e José Antonio Brenlla, de O Ferro, participarán neste programa cun relatorio titulado 'Sabores de Compostela en pequenos bocados'.

Varios destes chefs locais tomarán parte nunha mesa redonda titulada 'Presente e futuro da cociña compostelá’. Baixo o nome de ‘Os visionarios do viño galego’, haberá tamén unha mesa redonda na que estarán presentes destacados viticultores de toda Galicia. O avogado Carlos Lema Devesa, Catedrático de Dereito Mercantil na Universidade Complutense de Madrid, ofrecerá ademais unha conferencia centrada no tema da 'Protección xurídica das creacións culinarias'.

De forma paralela á celebración dos relatorios e das mesas redondas, 'Compostela Gastronómica' vai desenvolver un programa de actividades en establecementos especializados da cidade. A Bodeguilla de San Lázaro, a Gastroteca, o espazo enocultural Vide, Vide!, o restaurante viñoteca Singulario e a fábrica de cervexas artesás Fillos da Malte serán os escenarios onde se celebren diversas catas de uvas e viños, catas de degustación de xamón ibérico e outros produtos gourmet, presentacións de novas anadas e cursos de iniciación á cultura e a cata de viños.

Ao longo de dez días, o Festival da Cociña Galega contará tamén cunhas xornadas profesionais impartidas por chefs tan prestixiosos como Mario Sandoval (Premio Nacional de Gastronomía 2013), Francis Paniego, Diego Guerrero, Flavio Morganti ou Firo Vázquez. Para o público xeral haberá ademais obradoiros infantís, unha exposición fotográfica, a ruta 'Menús de Mercado', un escaparate gastronómico, o Espazo Gastro e a actividade 'Merco, cociño e como con...'.
O prazo de inscrición para participar nestas actividades abrirase mañá mércores 3 de setembro. A inscrición poderá realizarse a través da web do festival, www.compostelagastronomica.es, ou no punto de información habilitado no Mercado de Abastos, xunto á nova Aula Gastronómica, en horario de 12 a 15 horas.

'Compostela Gastronómica’ está organizado por Turismo de Santiago e conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia. O festival conta cun sinal de identidade diferenciada: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos de Santiago, centro das actividades do seu programa. Toda a información sobre ‘Compostela Gastronómica’ pode seguirse nas contas de Twitter (@ComposGastro), Facebook e en www.compostelagastronomica.es.

Compartir: