CENTROS SOCIOCULTURAIS

As fotos máis antigas de Compostela chegan aos centros socioculturais

02/09/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, inaugurou no Café Casino a mostra "As fotos máis antigas de Galicia", producida pola Editorial Alvarellos e que recolle vinte instantáneas tomadas no 1858 na cidade de Compostela. A exposición percorrerá os centros de Fontiñas, A Rocha, o Ensanche e Conxo.

A Concellería de Centros Socioculturais colabora con esta iniciativa de Alvarellos Editora, que recolle nesta mostra expositiva as fotografías máis antigas de Galicia. Datan de 1858, son todas elas de Santiago de Compostela e o seu autor foi o artista local, natural do barrio de Sar, Andrés M. Cisneros. Como sinalou Hernández, "como alcalde e, sobre todo, como compostelán e como galego, debo recoñecer un sentimento moi especial ao comprobar que un paisano, un veciño noso, figura entre os pioneiros da arte fotográfica en Galicia e en España". A editorial tamen as publica en postais.

Estas imaxes históricas son un documento único, agora a disposición de todo o público. Recollen distintas panorámicas de monumentos e espazos da cidade: dende a famosa vista da Catedral dende a Alameda, que neste caso é a primeira imaxe obtida desde este punto, hoxe tan fotografado; unha praza do Obradoiro co chan de terra, a Exposición Rexional Galega montada en San Martiño Pinario, ata o antigo e desaparecido " Paseo de París", na Alameda fronte á igrexa do Pilar (hoxe avenida Xoán Carlos I), entre outros espazos.

O rexedor salientou que "a través destas imaxes de Andrés Cisneros quédanos constancia gráfica e documental dun dos acontecementos que, valorados coa perspectiva da época, resultan máis importantes e, tamén sorprendentes, de cantos se teñen celebrado na cidade de Compostela. Un verdadeiro acontecemento social que, como tantas outras iniciativas, contou co impulso da Sociedad Económica de Amigos del País e na que desde un principio de maneira entusiasta colaborou o Concello de Santiago cun anticipo de 10.000 reás, que logo ampliaría para axudar a totalidade dos gastos".

En total, unha colección de vinte imaxes procedentes de distintos arquivos públicos e coleccións privadas que Alvarellos Editora decidiu dar á luz como preámbulo a unha exposición itinerante de moitas fotografías, que porá en marcha a partir de setembro en varios puntos de Santiago.

A exposición, que en setembro se poderá ver no Café Casino, itinerará a partir do mes de outubro por diversos centros socioculturais, que ademais acollerán actividades paralelas como charlas e visitas. A mostra permite observar o patrimonio e a historia da cidade así como traballar arredor do feito histórico da aparición das primeiras cámaras fotográficas. Chegará a Fontiñas en outubro, en novembro estará na Rocha, no Ensanche en decembro e rematará en Conxo no mes de xaneiro. O gasto que se corresponde coa parte desta produción é de 2.420 euros.

Lembranza ao ex-reitor Manuel Lucas Álvarez
Durante o acto de inauguración, o alcalde dedicoulle unhas palabras de lembranza ao ex-reitor da USC Manuel Lucas Álvarez, que falecía onte aos 97 anos de idade. Álvarez foi tamén concelleiro en Raxoi entre os anos 1955 e 1961.

Compartir: