XUNTA DE GOBERNO

Un investimento de 650.000 permitirá comezar coa renovación completa da avenida Quiroga Palacios antes de rematar o ano

29/08/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, informou hoxe en rolda de prensa da aprobación do expediente de contratación das obras de renovación da totalidade da Avenida Quiroga Palacios, dende a Avda. de Lugo ata a rúa de Belvis, nas inmediacións do Seminario Menor. Tamén anunciou que se vai renovar a instalación de iluminación pública da zona alta do barrio da Almáciga, concretamente nas rúas de Touro, Carballo, A Pastoriza e Travesa da Pastoriza.

A obra de Quiroga Palacios poderá iniciarse antes de rematar o ano e foi moi demandada polos vecinos da zona dado o deterioro tanto das beirarrúas como do propio vial.

Trátase dunha actuación por importe de 650.000 euros que vai supoñer unha mellora substancial para unha rúa con evidentes deficiencias, que lle afectan ao estado do pavimento das beirarrúas, escaseza de pasos de peóns e ausencia de elementos de protección nas proximidades das escaleiras existentes no seu trazado.

No proxecto que se vai licitar proponse un novo reparto das áreas para a circulación de vehículos, cunha sección que potencia o tránsito peonil, a adecuación das áreas próximas ás escaleiras, a ampliación en número e ancho dos pasos para os peóns e unha mellora dos vaos para o acceso de vehículos aos edificios.

A actuación supón tamén unha mellora ambiental, conservando as árbores que presentan un bo porte e coa plantación de novos exemplares ornamentais (liquidámbar) a ambos os dous lados da rúa. Con ese fin, ampliaranse os alcorques existentes e crearanse outros novos.

Tamén se vai proceder ao soterramento da liña de eléctrica destinada á iluminación pública, aproveitando o levantamento dos pavimentos, que se repoñerán con novas baldosas de terrazo e bordes de granito nas beirarrúas, lastras de terrazo nas zonas de aparcamento e lousado continuo de formigón na zona de tránsito dos vehículos.

No tocante ás condicións de estacionamento, contémplase a eliminación da liña de aparcamentos no tramo máis estreito da rúa (entre o convento de Belvis e o Seminario) e mantéñense dúas liñas de aparcamento no resto do trazado (no que se atopan os edificios residenciais). Así, disporase dun mínimo de 48 prazas de aparcamento, das que dúas serán adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

O mobiliario existente vaise reutilizar, polo que se manterán as paradas de autobús e os bancos actuais.

Estas obras véñense a sumar a outras melloras coas que o Concello tenta recuperar o valor de espazo publico das rúas, como as que recentemente se remataron na rúa de San Pedro, as que se están a desenvolver na rúa de Basquiños ou nos propios accesos a esta zona da Almáciga desde o contorno de Basquiños e do Convento de Santa Clara, por citar tres actuacións próximas a esta zona.

Auditoría enerxética e mellora de iluminación na zona da Almáciga
A Xunga de Goberno Local de hoxe aprobou tamén un novo proxecto para a reforma da instalación de iluminación pública da zona alta do barrio da Almáciga, concretamente nas rúas de Touro, Carballo, A Pastoriza e Travesa da Pastoriza.

Na actualidade as rúas desta zona dispoñen de luminarias antigas con báculos que na maioría de casos se atopan en mal estado, polo que se pretende facer unha remodelación destes elementos, substituíndo as actuais luminarias por equipos con dispositivos LED. Renovaranse un total de 30 farolas que estarán a unha altura de 10 metros. Por outra parte, instalaranse 9 luminarias en escaleiras que estarán a unha altura de 4 metros.

Tamén se van substituír os báculos actuais, que se atopan nun estado deficiente, por columnas con brazos decorativos.

Será unha actuación integral, na que se repararán arquetas, tramos de canalización para o paso do novo cableado, e tamén se substituirá o cadro de control actual por un telexestionado.

É dicir, este novo alumeado non só se prenderá e apagará de forma automática en función da luminosidade, senón que ademais poderá ser xestionado a distancia desde o centro de control.
A maiores no cadro de control instalaranse circuítos de reserva para futuras actuacións.
A realización deste proxecto suporá, pois, a implantación de 39 puntos de luz con dispositivos LED.

O orzamento deste proxecto ascende a 45.975 € e ten un prazo de execución de dous meses.

O proxecto sitúase na dirección de lograr unha maior eficiencia enerxética no conxunto das instalación, edificios e infraestruturas de titularidade municipal, como unha medida que reúne unha dobre compoñente de notable aforro económico e dun emprego sostible da enerxía, dixo o alcalde

O aforro estimado co paso dunha iluminación pública convencional a unha iluminación de alta eficiencia enerxética con dispositivos LED estímase entre un 70-80%. Neste caso concreto da iluminación na zona alta da Almáciga os cálculos realizados indican unha notable redución no consumo, pasando dos 23.530 kw/ano a pouco máis de 7.000 kw/ano (-70%). Iso tradúcese nun aforro na factura eléctrica duns 2.400 euros/ano,

Agustín Hernández indicou que se trata de ir aplicando no conxunto do concello o que xa estamos a facer moitos veciños nas nosas casas: ir renovando as nosas instalacións coa incorporación de novas tecnoloxías.

Un cambio que, aínda que supón un incremento do gasto inicial, á larga supoñen un considerable aforro no mantemento e nos consumos, con beneficios para a economía e unha clara mellora para o ambiente.

"Por iso imos continuar nesa liña que abordamos agora na Almáciga no resto do Concello" manifestou o alcalde quen anunciou que en 15 días se adxudicará a AUDITORÍA ENERXÉTICA DE EDIFICIOS MUNICIPAIS.

"Tendo en conta que este é un Concello que ten dispersas as súas oficinas e concellerías en multitude de edificios, consideramos que se trata dun documento importante, para o que imos destinar 114.950 euros (IVE incluído)", indicou.

Esa auditoría vai marcar as prioridades e os pasos necesarios para afrontar de forma completa as actuacións precisas co obxectivo de reducir o consumo de enerxía no conxunto das edificacións e servizos municipais.

Mantemento de servizos municapais: Ascensores e climatización.
A Xunta de Goberno acordou aprobar o expediente de contratación para o mantemento dos ascensores nos Centros Socioculturais.
O concello de Santiago conta cunha ampla rede de 43 centros socioculturais que se estenden ao longo do tecido urbano da cidade e das 28 parroquias que integran o término municipal.
Entre eles, hai 7 que contan un ou máis ascensores: Fontiñas, Vite, A Trisca, A Rocha, Santa Marta, O Castiñeiriño e Villestro.
A normativa actual obriga a contar cun mantemento preventivo dos elevadores por parte dunha empresa con competencia específica para levar a cabo estes traballos de mantemento ou técnicos e poida atender ademais en menos de 24 horas as avarías que se poidan producir.

Tamén se acordou aprobar o expediente para a contratación do mantemento da climatización do novo Centro Social de Santa Marta, que conta con soto e dúas plantas dedicadas a potenciar as relacións sociais e a dinamizar e difundir a cultura, nun barrio da cidade en expansión.
Suporá un investimento total é de 12.196,80€ nos catro anos de duración, o que supón destinar 3.049,20€ por ano.

Documentos relacionados



Compartir: