XUNTA DE GOBERNO

Santiago contará cun novo estacionamento disuasorio baixo o viaduto de Cornes

22/08/2014 A Xunta de Goberno Local aprobou a modificación urbanística que permitirá avanzar na tramitación dun novo estacionamento disuasorio baixo o viaduto de ferrocarril da zona de Cornes – Pontepedriña. O alcalde, Agustín Hernández, anunciou que este aparcadoiro, que xa se vén utilizando de facto por moitos condutores malia a súa falta de acondicionamento, ofrecerá máis de 200 prazas en superficie para vehículos lixeiros e motocicletas.

Co fin de realizar este aparcadoiro en superficie e encaixalo no planeamento, o Goberno local aprobou inicialmente a modificación puntual dos plans parciais dos SUP-2 (Cornes) e do SUP -3 (Pontepedriña). Trátase así de regular un estacionamento disuasorio, pensado coma un "equipamento ao servizo dunha mobilidade eficiente que facilita o intercambio modal entre coche e transporte público", indicou o alcalde compostelán, lembrando que "o fomento do transporte público e os estacionamentos de borde son obxectivos prioritarios deste goberno, complementarios coa intención de minimizar o uso de transporte privado no centro".

"Todos podemos comprobar que a parcela baixo o viaduto do ferrocarril en Pontepedriña xa se está a utilizar como aparcadoiro disuasorio espontáneo. O obxectivo deste proxecto é organizar e ordenar esta realidade. No momento en que estean rematadas as obras será unha bolsa efectiva pola súa situación céntrica e nun barrio de alta densidade residencial", apuntou Agustín Hernández sobre este proxecto. A situación do aparcadoiro foi acordada entre a Xunta, o ADIF e o Concello.

O orzamento da actuación ascende a 743.000 euros, aínda que, segundo indicou o rexedor municipal, pode variar como resultado da supervisión do proxecto que está a realizar a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que ten previsto aprobar no mes de setembro.

Dúas zonas separadas pola rúa Escultor Camilo Otero
A intervención nesta parcela permitirá habilitar un estacionamento con máis de 200 prazas, entre vehículos lixeiros (182) e motocicletas (26). O aparcadoiro terá dúas zonas diferenciadas, separadas pola rúa Escultor Camilo Otero, que dá acceso a ambas partes.

Levantarase un valo de seguridade ao longo de todo o viaduto do tren, como elemento de protección que evite as caídas de balastro procedentes das vías férreas sobre a zona do aparcadoiro. O sistema de drenaxe realizarase mediante unha rede de colectores con sumidoiros e pozos, a cal conectará nun punto coa rede colectora principal.

Ademais instalarase unha rede de rego automática ao longo de toda a zona de verde con difusores e aspersores. A área contará tamén cun sistema de iluminación.

Documentos relacionados



Compartir: