DEPORTES

Ábrese o prazo de solicitude de subvencións aos clubs deportivos federados

22/08/2014 O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba onte xoves as bases da convocatoria de subvencións destinadas ao fomento do deporte federado correspondentes ao exercicio 2014. Ábrese así dende hoxe e por un prazo de 20 días naturais (ata o 10 de setembro) o prazo de presentación de solicitudes para unha convocatoria á que o Concello destina un total de 200.000 euros.

Estas subvencións están destinadas á promoción das entidades deportivas locais de carácter federado. Trátase de financiar, en parte, os gastos derivados da súa participación nas competicións deportivas oficiais.

Considéranse subvencionables gastos polos seguintes conceptos: pagamento de licenzas federativas e de mutualidade; desprazamentos dos diferentes equipos ou deportistas a competicións oficiais; aloxamentos polas devanditas competicións; arbitraxes; material deportivo non inventariable; lavandaría; alugueiro de instalacións para adestramentos ou competicións; gastos médicos; pagamento de inscricións en probas de competición de carácter puntual incluídas no calendario federativo; e seguros de responsabilidade civil e/ou accidentes obrigatorios. Todos estes gastos terán que corresponder ao ano 2014.

Poderán acceder a estas subvencións as entidades deportivas federadas con sede social no Municipio de Santiago e que figuren inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, e no Rexistro da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Non entran a efectos desta convocatoria as entidades que non participen en competicións oficiais, nin aquelas que cicloturismo, sendeirismo ou similares, como tampouco aquelas entidades que participen unicamente na categoría de 3ª rexional autonómica senior masculina na modalidade de fútbol, e na categoría de 4ª división senior masculina na modalidade de baloncesto. Igualmente, non poden solicitar subvención as entidades privadas de servizos deportivos e aquelas entidades públicas territoriais ou corporativas. Finalmente, tamén están excluídas desta convocatoria as categorías dos clubs que teñan un convenio nominal co Concello e os equipos de fútbol sala que participan na competición local/comarcal.

Os clubs interesados deberán presentar unha solicitude debidamente cuberta, que se facilitará nas Oficinas do Departamento de Deportes do Concello (Estadio de San Lázaro, porta principal ou nº 1), na paxina web do Concello (www.santiagodecompostela.gal) ou na web do Departamento de Depores (www.deportes.santiagodecompostela.gal), na que figurará, entre outros datos, a contía da axuda solicitada que, en ningún caso, poderá ser superior ao déficit previsto pola Entidade. Xunto coa solicitude achegarase a documentación especificada nas bases.

As solicitudes e a documentación entregaranse en calquera dos rexistros do Concello: Rexistro Xeral (rúa do Presidente Salvador Allende, 4 Baixo – Galeras); Rexistro Auxiliar do CERSIA Empresa (avenida do Alcalde Raimundo López Pol, s/n - San Lázaro), ou Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16). Tamén se poden presentar en calquera rexistro ou oficina previstas na normativa de procedemento administrativo. Neste caso será obrigatorio remitir ao Departamento de Deportes do Concello unha copia da solicitude presentada. O prazo de admisión de solicitudes será de 20 días naturais contados a partir da publicación da convocatoria no BOP.

Unha comisión avaliadora presida pola concelleira de Deportes elevará á Xunta de Goberno a resolución da convocatoria antes do 18 de outubro. Unha vez aprobada a subvención e notificada aos interesados, estes terán un prazo de xustificación da subvención que rematará o 10 de novembro. Esta xustificación incluirá as facturas ou documentos substitutivos correspondentes a todos os gastos obxecto da subvención, así como o comprobante do seu pagamento mediante transferencia bancaria antes da finalización do período de xustificación da subvención. Excepcionalmente, e de forma xustificada, admitirase o pago en efectivo de facturas por importe inferior a 2.500 euros, as cales deberán vir acompañadas dunha declaración xurada do presidente da entidade. Todas as facturas deberán referirse a gastos do exercicio 2014.

Direcciones relacionadas



Compartir: