ALCALDÍA

O Concello devolve o proxecto de Galeras e ordena a reposición da parte do parque público agora valada

14/08/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, anunciou que o Concello devolverá o proxecto para a modificación de veiros e reforma de accesos ao estacionamento nas rúas Galeras e Domingo García-Sabell. Tamén se deu orde para que se retiren os valos actuais e se deixe a parte de parque público agora acoutado nas condicións nas que estaba anteriormente. Esta decisión comunicaralla persoalmente aos representantes veciñais da zona afectada nunha reunión a vindeira semana.

Agustín Hernández explicou que o proxecto presentado polo promotor privado non cumpre determinadas esixencias en materias como a accesibilidade ou da normativa contra incendios, polo que foi rexeitado e será devolto, non autorizando as obras previstas. Neste sentido, lembrou que esta actuación contemplaba unha parte pública e outra privada, reflectidas nun convenio "válido e que temos que respectar", pero que este esixía a presentación dun proxecto que cumpra os requisitos normativos, circunstancia que non se dá no actual.

Sobre o futuro desta zona de Galeras, indicou que se falará cos veciños e se analizará a "situación de mobilidade neste espazo", unha reflexión que terá que ter en conta aspectos como a apertura próxima do novo centro de saúde ou a reurbanización da rúa Carretas, xa en fase de tramitación.

Non descartou a posibilidade de que o proxecto poida ser presentado de novo polo promotor. En calquera caso, insistiu en que de ser así "se analizará e, sobre todo, se falará cos veciños para que non se volva xerar unha situación como a creada anteriormente".

Compartir: