CONSORCIO

O Museo das Peregrinacións e de Santiago exhibe a primeira exposición antolóxica do debuxante galego Miguelanxo Prado

01/08/2014 O Consorcio de Santiago e El Patito Editorial inauguraron a exposición Mar interior. Miguelanxo Prado no Museo das Peregrinacións e de Santiago, na praza das Praterías. Trátase dunha mostra antolóxica do debuxante galego, a primeira que se realiza en Galicia. Á presentación asistiron, ademais do propio artista, o alcalde de Santiago, Agustín Hernández; a concelleira de Cultura, María Antón; e o comisario da mostra, Fausto Isorna.

A exposición reúne 59 obras orixinais de toda a carreira de Miguelanxo Prado. Divídese en dúas partes. A sala grande do museo está dedicada ao mar, unha constante na traxectoria do artista e nela poden verse obras de De Profundis, Ardalén, Trazo de Tiza, xunto con distintas ilustracións que teñen en común esta temática. Nesta mesma sala móstranse ilustracións da cidade de Santiago de Compostela, pola que Prado sente unha especial debilidade. Ademais, en tres vitrinas recóllese unha selección das súas obras en distintas linguas, xa que é un dos autores galegos máis traducidos, ata a 17 idiomas.

Noutra sala pódese ver un compendio dos seus primeiros traballos no mundo do cómic e ilustracións que ten realizado para outros escritores galegos e de fóra. Neste espazo tamén se lle rende unha pequena homenaxe ao Xabarín, que Miguelanxo Pradou creou nos noventa. E proxéctase Os Vixilantes do Camiño, a serie de animación en 2D que produciu para a Televisión de Galicia en 1999, inspirada no Camiño de Santiago e que protagonizan os personaxes do Xabarín Club.

Miguelanxo Prado manifesta: "Agardamos que na escolma feita para esta mostra os máis dos visitantes atopen algunhas sorpresas e tamén unha boa presada de imaxes se cadra xa coñecidas noutro contexto, publicadas, reproducidas, e que tiren do encontro ese pracer tan humano que supón coñecer a fonte orixinal das cousas, ver a pegada material que hai antes do proceso industrial".

Un dos debuxantes europeos máis recoñecidos
Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958) é un dos debuxantes europeos máis recoñecido polo público e máis valorado pola crítica. Comezou a súa andaina nos anos oitenta para as revistas de cómic da época, entre elas Zona 84, Cairo, Cimoc, Comix Internacional, 1984 ou El Jueves, onde crea series como Enciclopedia Délfica, Stratos, Tangencias, Quotidiania Delirante e Trazo de Tiza, que, con posterioridade, publicarase como álbum. Trazo de Tiza é o seu libro máis traducido, un cómic de autor polo que foi galardoado no ámbito nacional e internacional. En 2004, Correos proponlle facer unha folla de selos con dezaseis imaxes desta obra; a tiraxe foi dun millón de exemplares.

Nos anos noventa traballa para o mundo da animación e pon en marcha o festival Viñetas desde o Atlántico na Coruña, un evento que xa se converteu nunha cita obrigada para os amantes do cómic. De Profundis, película que escribiu, debuxou e dirixiu, será o seu primeiro gran traballo de comezos do século XXI.

Logo centrouse en Ardalén, unha historia dedicada á memoria persoal e que representa a súa obra máis ambiciosa, que lle ocupou catro anos de intensa actividade. Por este álbum recibiu o Premio Nacional de Cómic en 2012, un galardón que se uniu a outros moitos que xa obtivera ao longo dos anos en Barcelona, no festival internacional de Angoulême (Francia), nos Estados Unidos... Na súa aventura americana destaca o deseño para Dreamworks dos personaxes da serie de animación Men in Black, de Steven Spielberg. Dende 2009, Miguelanxo Prado é membro da Real Academia Galega de Belas Artes.

A exposición poderá visitarse ata o 31 de decembro; de martes a sábado, polas mañás de 10:00 a 14:00 horas e polas tardes de 17:00 a 21:00 horas. Os domingos, o Museo das Peregrinacións e de Santiago abre de 11:00 a 14:00 horas. Os luns permanece pechado.

Compartir: