EXPOSICIÓN

Intervención escultórica de Ramón Conde nas prazas do Obradoiro e de Praterías

30/07/2014 O escultor Ramón Conde (Ourense, 1951) presenta nas prazas do Obradoiro e das Pratarías, mediante a linguaxe artística, unha intervención que se vertebra ao redor do concepto de poder, entendido como a capacidade de levar a cabo os nosos desexos independentemente das dificultades que poden ser obra da natureza ou doutras persoas. A exposición, titulada O Poder, foi inaugurada nun acto ao que asistiu o concelleiro de Relacións Institucionais, Ángel Currás. Poderá verse ata o 28 de setembro

Estes dous apartados xenéricos son os que reflicten as instalacións da praza do Obradoiro (dominio da natureza) e a da praza de Praterías (dominio da sociedade). Así, no Pazo de Raxoi, na súa parte central, vemos reflectida a capacidade de transformación e de dominio. Está simbolizada polo arquetipo do David e Goliat, entendéndoo como a forza que nos permite vencer calquera dificultade que nos ofreza a natureza ou os homes para pola ao noso servizo. As formas 'xeolóxicas' que rodean a este grupo están distribuídas de forma que a dominación do home e a súa posta en servizo aos nosos intereses se reflicte nas súas actitudes. As contiguas son unha especie de garda pretoriana, xa totalmente sometida, e de aí a súa actitude marcial. O seguinte círculo é o de loita, as fronteiras que estamos a alcanzar. No edificio do Retoirado, dúas esculturas reflicten o estado de natureza libre do home.

Na praza das Pratarías, no balcón do Museo das Peregrinacións, temos situada a imaxe do líder. O dominio exércese non só coa forza física; esta ten que estar arroupada pola persuasión, por un determinado relato co que convencer e seducir a outros para que se fagan partícipes del. Esta superestrutura envolve por completo o líder, é parte da súa forza. Nos balcóns do edificio contiguo (Casa do Cabido), catro personaxes escoitan o discurso con distintos graos de aceptación.

Ramón Conde
Ramón Conde nace en Ourense en 1951. Desde pequeno mostra interese pola arte. En 1971 ingresa na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago. Logo vive en Madrid frecuentando fundicións e talleres de diversos artistas. A partir de 1974 reside de novo en Ourense onde desenvolve lentamente a súa linguaxe plástica. A mediados do oitenta trasládase á Coruña, onde instala o seu estudo ata principios do noventa. Nestes anos realiza as primeiras obras públicas e comeza a súa proxección internacional coa participación en varias exposicións en París.

En 1991 inaugúrase a súa obra Os Rederos na Gran Vía de Vigo, unha das súas pezas máis emblemáticas, e nese mesmo ano vive en Houston como profesor convidado na Universidade de Houston Downtown. En 1992 inaugura unha exposición no recinto feiral da Expo de Sevilla, e ao ano seguinte realiza unha estadía artística en Monterrey, México. Regresa a España en 1994, instalando outra das súas obras máis coñecidas, O Gardián, no parque da Torre de Hércules.

De novo na súa Galicia natal, realizará a escultura conmemorativa do 500 aniversario da Universidade de Santiago e as súas primeiras exposicións en Berlín, Hannover, Londres e Italia, ás que se sumarán mostras en distintos puntos de España e obras públicas nas cidades máis importantes de Galicia.

Compartir: