ALCALDÍA

O primeiro volume dunha serie limitada sobre Compostela e unha pulseira peregrina, agasallos do alcalde aos monarcas

25/07/2014 Os Reis foron recibidos no Pazo de Raxoi despois da cerimonia da Ofrenda ao Apóstolo. Tras asinar as Súas Maxestades no Libro de Honra, o alcalde compostelán, Agustín Hernández, agasallou a Felipe VI co primeiro volume dunha serie limitada sobre momentos de Compostela. A Raíña recibiu unha pulseira peregrina, unha xoia que se pode personalizar, xa que cada fito representa un lugar, un elemento e unha virtude do Camiño de Santiago.

Felipe VI recibiu o primeiro volume dunha serie limitada de 100 con fotografías sobre momentos de Compostela. O Libro Ouro, Verde e Negro fai un percorrido pola cidade a través dos textos de personalidades como Marcelino Oreja, Darío Villanueva, Antón García Abril ou Álvaro Siza.

As fotografías son obra de Tono Arias, Adolfo Enríquez e Alberte Peitavel. O texto das diferentes personalidades que acompaña as instantáneas remite a elementos da cidade como a arquitectura, a cultura, a literatura ou a música.

Pola súa parte, Dona Letizia foi agasallada cunha pulseira peregrina, con motivos sobre o Camiño como o fuste, a ara, o Apóstolo, a frecha, a vieira ou a bota. Esta xoia é exclusiva e personalizable.

Na súa sinatura no Libro de Honra, os monarcas deixaron o seguinte texto: "Nos llena de orgullo y emoción venir a Santiago de Compostela para realizar por primera vez como Reyes de España la tradicional ofrenda al Santo Patrón de España. Saludamos con este motivo y muy afectivamente, al Ayuntamiento de la ciudad y felicitamos a todos los gallegos por esta festividad de Santiago Apóstol".

O Rei realizou unha breve intervención no salón vermello ante o resto da comitiva de autoridades, entre as que estaban, entre outros, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a ministra de Fomento, Ana Pastor; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez; a presidenta do Parlamento autonómico, Pilar Rojo; conselleiros do Goberno Galego e membros da Corporación municipal. Os monarcas saíron posteriormente aos balcóns de Raxoi para saudar as persoas congregadas na praza do Obradoiro.

Direccións relacionadas



Compartir: