ALCALDÍA

Reciben a Medalla de Ouro de Galicia as vítimas de Angrois e veciños, profesionais e voluntarios que participaron no operativo

24/07/2014 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu na Cidade da Cultura ao acto de entrega das Medallas de Galicia. A distinción de ouro foi recollida por unha representación das vítimas do accidente ferroviario de Angrois, dos veciños do barrio compostelán e de todos os profesionais e voluntarios que participaron no dispositivo.

A Medalla de Ouro de Galicia, a máxima condecoración que concede o Goberno galego, rendeu homenaxe ás 79 vítimas que perderon a súa vida no accidente, os feridos e as súas familias. Do mesmo xeito, quíxose deixar constancia do recoñecemento aos veciños de Angrois que tiveron un comportamento exemplar durante o accidente. Así tamén, recibiu a Medalla unha representación de todas aquelas persoas que contribuíron a que funcionara o dispositivo de atención e rescate, coma os bombeiros, os voluntarios de Protección Civil, o persoal de Emerxencias, do 061 e os profesionais do Colexio de Psicólogos de Galicia e da Cruz Vermella. Tamén se recoñeceu o labor dos axentes da Policía Local, da Policía Autonómica, da Policía Nacional e da Garda Civil, así como ao Instituto de Medicina Legal de Galicia polo seu labor de identificación de vítimas. No eido sanitario, a Xunta recoñeceu o esforzo de todo o persoal sanitario da área de Compostela que atendeu ás vítimas, así como o papel fundamental dos traballadores do Centro de Transfusión de Galicia e da Federación de Doantes.

Funeral na Catedral
Continuando cos actos de lembranza do accidente de Angrois, pola tarde celebrouse unha misa Na Catedral, á que tamén asistiron o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e outros membros da Corporación.

Compartir: