NORMAILIZACÓN LINGÜÍSTICA

Entregado o premio do II Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego

23/07/2014 A concelleira de Normalización Lingüística, María José Corral, entregou o diploma acreditativo aos deseñadores da campaña gañadora do II Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego. O acto celebrouse na Libraría Couceiro, protagonista do proxecto triunfador.

O proxecto, seleccionado por un xurado profesional, leva por lema #Xeitos, mil maneiras de dicir e está deseñado precisamente para, aproveitando as potencialidades da lingua galega e a participación activa do público, contribuír á difusión desta libraría compostelá.

Manuel Mahía foi o representante do proxecto no concurso, pero no seu deseño traballaron tamén Lourdes Rivera e Pilar Parada, como parte do equipo TRES X UN. Os tres estiveron no acto para recoller o seu diploma e para explicar tamén as liñas xerais da actuación.

O proxecto publicitario céntrase fundamentalmente na convocatoria dun evento de dinamización cultural na praza de Cervantes, o próximo mes de setembro, no que se convidará a todos os transeúntes a un brainstorming emocional e creativo a través da lingua para a súa plasmación nun mural. A participación dará opción a volver á libraría para recoller un agasallo sorpresa, conseguindo con isto achegar e fidelizar a clientela a esta emblemático local.

O acto de entrega do premio estivo presidido pola concelleira, que destacou os dous obxectivos da convocatoria deste concurso por parte do Concello: procurar o aumento de uso do galego nas relacións comerciais para, así, aumentar tamén a súa presenza xeral na sociedade, e contribuír á economía local a través do fomento da creatividade e a profesionalización das accións publicitarias.

Tamén interveu Pablo Couceiro, representando a libraría protagonista do proxecto gañador, quen destacou a importancia que para este establecemento tivo e ten a normalización do idioma galego e o compromiso que sempre mantén cos proxectos culturais.

O premio está dotado con 5.000 euros para a execución da campaña gañadora.

Compartir: