POLICÍA LOCAL

A Policía Local informa sobre o uso do casco entre os ciclistas menores de 16 años

10/06/2014 A Policía Local de Compostela está realizando durante esta semana unhas xornadas de educación vial sobre o uso do casco entre os ciclistas menores de 16 anos, coincidindo co Día Nacional da Seguridade Vial. Estas sesións teñen lugar no Colexio La Salle e están dirixidas a nenos do último ciclo de Primaria, con idades comprendidas entre os 10 e os 12 anos. Nas xornadas tamén están a participar os Bombeiros.

O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer aos rapaces e rapazas normas de comportamento que fomenten actitudes responsables como usuarios das vías públicas dende idades temperás. As sesións, amenas e prácticas, buscan transmitir ao neno as normas básicas de respecto e responsabilidade cidadá.

Ademais os policías locais informarán tamén sobre a recente obrigatoriedade do uso do casco nas bicicletas por parte dos menores de 16 anos cando circulen por zonas urbanas, cambio introducido pola Lei 6/2014, do 7 de abril, que entrou en vigor este pasado 9 de maio. Ata agora, o uso do casco nos menores de 16 anos era obrigatorio só en vías interurbanas, pero na actualidade, tanto se son condutores como ocupantes de bicicletas e ciclos, os menores deben levar sempre posto o casco, independentemente da vía pola que circulen.

Compartir: