CULTURA

Talía Teatro estrea "Demolición", un espectáculo escrito e dirixido por Cándido Pazó, dentro do ciclo Teatro&Danza

09/06/2014 Talía Teatro pon en escena Demolición, o seu novo traballo escrito e dirixido por Cándido Pazó, dentro do ciclo Teatro & Danza. Será esta semana, mércores 11 e xoves 12 de xuño, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. A obra foi presentada no Concello polo director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; Cándido Pazó, autor e director do espectáculo; Artur Trillo, actor protagonista e director da compañía; e Toño Casais, actor protagonista. As entradas, a 10 euros, poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18.00 a 21.00h), no 902 434 443 ou en entradas.novagaliciabanco.es.O espectáculo está dentro do Bono de Teatro Galego.

Demolición é un texto para dous actores. De tendencia e referencias realistas e actuais. De intención amena e dinámica. De signo aberto pero aportando a posibilidade de diversas lecturas de menor ou maior calado, desde a máis epidérmica, baseada na divertida relación entre os personaxes e nos enxeñosos diálogos que esta suscita, á máis profunda, coas reflexións e metáforas que, explícita ou veladamente, se propoñen sobre as actitudes vitais e sociais e o compromiso cívico a respecto da historia e o tempo de cada quen, tendo a referencia á especulación e á crise inmobiliaria á que pode aludir o título como trasfondo, como motor argumental, máis que como tema principal.

Talía Teatro é unha compañía teatral creada en 1988, cun selo propio e orixinal. Os seus espectáculos son unha marca con denominación de orixe que definen un estilo e unha forma de facer teatro. Hoxe, 26 anos despois do seu inicio, tense consolidado como unha das compañías galegas de maior prestixio e repercusión. Dende os seus inicios, a compañía perseguiu a dignificación do teatro e das artes escénicas como transmisores dos valores culturais do país. Aínda que se dirixe a un amplo abano de espectadores, tamén presta unha especial atención ao teatro infantil e xuvenil porque considera que a creación de novos públicos é unha das materias pendentes do teatro feito en Galicia.

Talía fala do espectáculo
"Unha situación, un conflito, personaxes e diálogo. Catro pés para o banco da comunicación teatral. Hai outros. Pero quixemos probar se chegaba con estes para que o banco se mantivese en pé. "Comidrama" Xa que o concepto existe, outorguémoslle un nome. Un termo que exprese esa alquimia dramática entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión. A espera, un eco beckettiano que chega de lonxe. O fracaso colectivo reverberando metaforicamente. A fraxilidade humana resoando no fondo do precipicio".

Compartir: